Patrimonio Cultural levanta as cautelas arqueolóxicas para a reordenación do ámbito do Barrio do Cura de Vigo
A Dirección Xeral comunicou tanto ao Concello de Vigo como á empresa promotora a resolución favorable tras a finalización das catas sen atopar ningún resto destacable
O departamento autonómico lembra como condición que os resultados desta actuación “deberán terse en conta nas intervencións futuras que deberán ser executadas” baixo control arqueolóxico
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, vén de comunicar ao Concello de Vigo e á empresa promotora do Barrio do Cura do levantamento das cautelas arqueolóxicas neste ámbito urbanístico.
O departamento autonómico responde ao documento achegado pola arqueóloga-directora que levou a cabo as dúas últimas fases das sondaxes para o proxecto denominado “Urbanización da Área de Reparto AR I-01 da Modificación Puntual do PXOM de Vigo para a reordenación do Barrio do Cura”.
Así, segundo recolle a resolución de Patrimonio Cultural, dáse por rematada a intervención de control e sondaxes arqueolóxicas previas despois de que non se documentaran restos in situ de materiais arqueolóxicos inmobles de épocas anteriores á idade contemporánea.
O informe levanta as cautelas arqueolóxicas para a reordenación do ámbito do Barrio do Cura e marca condicionantes. Desta forma, obriga a que os resultados preliminares desta actuación “deberán terse en conta nas intervencións futuras que se proxecten” e deberán ser executadas baixo control arqueolóxico.