Galicia rexistrou un mes de outubro extremadamente cálido e moi húmido

O avance do último informe climatolóxico de Meteogalicia conclúe que tanto as temperaturas máximas como as mínimas foron moito máis altas do agardado, de igual xeito que o número de días de chuvia e a súa intensidade

A primeira metade caracterizouse pola estabilidade e as altas temperaturas, mentres que as borrascas que entraron a partir da segunda semana trouxeron fortes chuvias e ventos que marcaron o final do mes

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2023

Galicia rexistrou un mes de outono extremadamente cálido e moi húmido, tal e como recolle o avance do último informe climatolóxico mensual elaborado por Meteogalicia.

Este outubro quedou caracterizado polas altas temperaturas na primeira metade do mes. Ata o día 12, as altas presións no norte da península achegaron aire cálido procedente da África setentrional e trouxeron unha estabilidade que non se rompería ata o 13. Neste momento, a situación cambiou bruscamente pola entrada da primeira borrasca activa, que deixaba chuvias xeneralizadas en toda a Comunidade e daba paso a unha tempada moito máis suave que non chegou a compensar o calor das dúas primeiras semanas.

Así, do día 15 ata o final de outubro, sucedéronse varias borrascas, entre as que destacaron Babet, Aline, Celine e, en menor medida, Bernard que apenas afectou a Galicia. Ademais de intensas precipitacións, ocasionaron fortes ventos que marcaron a segunda metade do mes. En definitiva, máis días de chuvia e moita máis precipitación acumulada do que a media histórica podía invitar a esperar desta época.

Por zonas, os valores de temperatura máis elevados recolléronse nas ribeiras do Sil e o Miño ourensán, cuxa temperatura máxima oscilou, de media, os 22,9 e 23,7 ºC. Pola contra, os máis baixos, comprendidos entre 15,3 e 17,5 ºC, rexistráronse nas zonas máis elevadas da Comunidade, como son as Serras do Courel, de Queixa ou de Eixe.

As precipitacións, ao mesmo tempo, tamén foron moito máis elevadas do agardado. A pesar de que os primeiros 12 días foron secos, as borrascas consecutivas ata final de mes fixeron que a precipitación media acumulada acadase os 389 l/m2, dándose os valores máis altos na vertente atlántica, onde o máximo absoluto foi superior aos 1000 l/m2.           

Con respecto ao período de referencia 1981-2010, as chuvias acumuladas de forma xeneralizada en toda a Comunidade foron un 127% máis altas que a media, tendo só un precedente máis húmido no ano 1987. De igual xeito, para o caso da temperatura media, a anomalía foi de +2,7 ºC, só superado en toda a serie polo ano 2014, polo que a conclusión é que este mes de outubro foi extremadamente cálido e moi húmido.

Data de actualización: 07/11/2023