O presidente da Xunta participou na inauguración do V Congreso Internacional CIOS da Asociación para o Progreso da Dirección (APD)

Rueda destaca a aposta de Galicia pola innovación tecnolóxica que a converte en pioneira e referente na aplicación dixital en diversos eidos

Pon como exemplo a implantación na Comunidade galega da historia clínica electrónica, o Proxecto Xenoma ou o feito de que conte co ordenador cuántico máis potente do sur de Europa
 

Amósase partidario de estender tamén á ciberseguridade a “colaboración leal” e “útil” existente entre administracións e empresas
 

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a capacidade de Galicia para impulsar a innovación e as tecnoloxías avanzadas que teñen convertido a Comunidade en “pioneira” e referente na aplicación dixital en diferente eidos, como a sanidade ou a educación. 

Así o puxo en valor durante a inauguración do V Congreso Internacional CIOS da Asociación para o Progreso da Dirección (APD), na que estivo acompañado polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. No acto, o presidente do Goberno galego remarcou como Galicia se ten situado á vangarda en avances en tecnoloxías innovadoras e na súa aplicación en materia sanitaria. Neste eido, situou a comunidade como pioneira na implantación do sistema de historia clínica electrónica ou na elaboración dun mapa xenómico de 400.000 galegos e galegas, a través do Proxecto Xenoma, “que vai ser beneficioso para a detección precoz de enfermidades”, enxalzou. 

Nesta mesma liña da aposta da Administración galega por estar á vangarda na aplicación de tecnoloxías avanzadas, salientou a incorporación do libro electrónico nos centros escolares e o impulso dado desde o Goberno galego para contar en Galicia co ordenador cuántico máis potente do sur de Europa e tamén na normalización do teletraballo, do que apuntou que se ten evidenciado as súas vantaxes e eficacia no aforro de tempos e esforzos. 

Tamén fixo especial mención á localización na cidade da Coruña da Sede da Agencia Española de Inteligencia Artificial (Aesia), da que salientou o papel que cumprirá nesta materia “desde Galicia para España e toda Europa”, defendendo a necesidade de asentar unha regulación que “humanice” esta nova aplicación.  

Ciberseguridade: colaboración entre Administración e empresas

De igual xeito, tamén abordou os retos que supón a ciberseguridade, unha preocupación que admitiu compartida tanto por organizacións empresariais como polas administracións públicas. Por este motivo, amosouse partidario de estender a “colaboración leal” e “útil” que existe entre ambas tamén a este eido de protección no ámbito dixital.  

Neste senso, cómpre destacar as medidas postas xa en marcha pola Xunta en materia de ciberseguridade como unha estratexia propia ou a creación do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia que se levantará en San Cibrao das Viñas. 

Para concluír, o mandatario galego incidiu na aposta da Xunta por implementar avances tecnolóxicos, pero na que considerou necesario a aplicación do “sentidiño”. Ao respecto, aclarou que se trata de fomentar a dixitalización e innovación con “determinación e firmeza”, pero tendo sempre en conta a dose de “prudencia” necesaria para a consecución de bos resultados.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2023