A Xunta destina 250.000 euros en axudas a preto de 130 explotacións apícolas en zonas afectadas polos incendios do ano pasado

Estas achegas están destinadas a paliar as perdas de produción apícola derivadas da situación de emerxencia, cun pagamento por colmea declarada en asentamentos dos concellos afectados

No 2023, o Goberno galego destinou máis de 1,7 millóns de euros para reforzar o sector con diversas achegas

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas da Consellería do Medio Rural para paliar as perdas de produción das explotacións apícolas en concellos afectados polos grandes lumes forestais que se produciron en Galicia o ano pasado. Así, resultaron beneficiaras 128 titulares de explotacións, cun total de 15.682 colmeas, por un importe conxunto de 250.000 euros.

Estas achegas están destinadas a paliar as perdas de produción derivadas da situación de emerxencia creada polos incendios forestais, tendo en conta que estes destruíron unha gran parte da vexetación das zonas queimadas, de tal xeito que as abellas que sobreviviron tiveron enormes dificultades para atopar alimento para sobrevivir, afectando de xeito significativo á produción apícola. Para iso, a axuda, tras o rateo realizado, consistirá nun pagamento a tanto global cunha contía de 17,114 euros por colmea declarada en asentamentos apícolas localizados nos concellos afectados, cun máximo de 15.000 euros por persoa beneficiaria.

Os beneficiarios destas achegas son titulares deste tipo de explotacións -excepto administracións ou entidades do sector público, así como as explotacións de autoconsumo- con asentamentos apícolas nos concellos con máis de mil hectáreas afectadas por incendios no ano 2022.

Reforzar o sector

Estas axudas contribúen a reforzar o sector apícola galego, e súmanse ás xa establecidas no ano 2023 para este sector, as axudas convocadas para o período estendido (do 1 de agosto ao 31 de decembro de 2022) do Programa nacional apícola 2020-2022, por importe de 80.000 euros, e as axudas 2023 ao sector apícola, destinadas á mellora das condicións xerais de produción e comercialización dos produtos apícolas, no marco da intervención sectorial apícola recollida no Plan estratéxico da política agrícola común, cun crédito de 1.412.990,23 euros.

Deste xeito, o importe total das axudas convocadas pola Xunta de Galicia para o sector apícola en 2023 ascendeu a case 1.743.000 euros

Enlace á resolución no DOG:

 

Data de actualización: 07/11/2023