A Xunta asina o acordo para levar a cabo a XI edición do proxecto de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global ‘Activistas polo mundo que queremos’

Formalizouse coas ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e a Asemblea de Cooperación pola Paz cunha achega de 70.000 euros

O investimento do Goberno galego nesta iniciativa desde 2013 ascende aos 735.400 euros

Participarán uns 400 estudantes galegos e 12 docentes de seis centros

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2023

A Xunta asinou o convenio de colaboración coas ONGD galegas Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e a Asemblea de Cooperación pola Paz para desenvolver unha nova edición do proxecto de educación para a cooperación Activistas polo mundo que queremos. A iniciativa conta cun orzamento de 73.691 euros, dos que o Goberno galego achega 70.000 e a contía restante, as tres organizacións participantes. Desde o seu inicio en 2013, a Xunta investiu 735.400 euros nesta acción.

 

Porase en marcha así a undécima edición do proxecto, desenvolvido por tres ONGD especializadas no ámbito da educación para o desenvolvemento. Desde o seu inicio en 2013, a colaboración entre a Xunta e as ONGD permitiu traballar co profesorado e alumnado de 63 centros de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e de Formación Profesional, máis de 5.000 alumnos e alumnas e 276 docentes co obxectivo de afondar nas desigualdades sociais e as súas causas e con especial atención á realidade dos países da Cooperación Galega.

 

Na edición deste ano está prevista a participación doutros 400 alumnos galegos -204 rapaces e 196 rapazas- e 12 docentes duns seis centros, que recibirán acompañamento constante e serán protagonistas na construción da súa propia aprendizaxe descubrindo por si mesmos, a través de estratexias educativas concretas, as interconexións entre as distintas realidades e contextos sociais, así como as dinámicas que as conforman.

 

O proxecto financiará, entre outras actividades, a coordinación e acompañamento aos centros educativos; o encontro inicial do profesorado galego e as organizacións; a elaboración de materiais de acompañamento ao profesorado; a revisión da Aula virtual, obradoiros de activismo e comunicación transformadora ou de radio, o achegamento ás realidades do Sur a través da visita de activistas latinoamericanas e o deseño e aplicación dun plan e dunha campaña de comunicación.

 

A iniciativa enmárcase no Plan Proxecta de innovación educativa, destinado a impulsar a colaboración entre os distintos departamentos da Xunta que contan con programas dirixidos a centros educativos.

 

O obxectivo é contribuír a que tanto alumnado como docentes sexan conscientes da interconexión entre realidades locais e dinámicas globais. Búscase tamén apoiar o exercicio da súa corresponsabilidade na construción da xustiza social cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) como eixe vertebrador.

 

Maior sensibilización social

O convenio entre a Xunta e as tres ONGD para poñer en marcha unha nova edición de Activistas polo mundo que queremos dá cumprimento aos compromisos do V Plan director da cooperación galega 2023-2026 e do Plan anual da cooperación galega 2023. Nesta liña, incídese no que se refire a levar a cabo unha política de educación para o desenvolvemento orientada a construír unha cidadanía global comprometida co cambio social, a solidariedade e o desenvolvemento humano sostible.

 

Cómpre sinalar que o V Plan Director da Cooperación Galega recoñece o papel central das ONGD no sistema de cooperación ao desenvolvemento, como actores relevantes para o diálogo de políticas e o fortalecemento do sistema galego de cooperación.

 

As ONGD son entidades con coñecemento experto para promover e xestionar intervencións de desenvolvemento e fomentar a conciencia da cidadanía e a educación para o desenvolvemento no norte, co fin de promover valores de responsabilidade e solidariedade. Por esta dobre tarefa, a Xunta vén apoiando a actividade destas entidades no marco deste plan que remata este ano a súa vixencia.

Data de actualización: 07/11/2023