O conselleiro do Medio Rural, o conselleiro do Mar e a xerente de Galicia Calidade asistiron hoxe á primeira xornada do Gastronomic Forum Barcelona, que se celebra ata o mércores na capital catalá

A Xunta promociona no Gastronomic Forum Barcelona a singularidade e diferenciación dos produtos alimentarios galegos baixo a marca Galicia Calidade

26 empresas e produtores representantes da industria alimentaria galega e amparados polos selos de calidade de DO ou IXP, participan través do stand de Galicia Calidade, froito do esforzo conxunto do goberno autonómico

Tras incidir na importancia de combinar a promoción e a protección da calidade, José González insistiu na importancia do sector gandeiro, destinatario en 2024 dunha partida de 12 millóns para os produtores que traballen baixo o indicativo Ternera Gallega, protagonista hoxe na feira

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destaca o reforzo na promoción dos produtos pesqueiros e a internacionalización das empresas do sector con 11 millóns de euros nos orzamentos do 2024

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, resaltou a aposta da marca de garantía pola promoción dos produtos alimentarios nos mercados nacionais e internacionais
 

Barcelona, 6 de novembro de 2023

Galicia está dende hoxe ata o mércores, 8 de novembro, no Fórum Gastronómic de Barcelona, promocionando a calidade dos produtos galegos a través dun espazo habilitado pola Xunta a través da colaboración da Consellería do Medio Rural, a Consellería do Mar e a Consellería de Economía, Industria e Innovación. Neste stand están presentes 26 empresas de sectores referenciais do campo e do mar galego xunto a unha selección de produtos que terminan de completar as oportunidades gastronómicas da industria alimentaria galega. Todos baixo a marca Galicia Calidade -ou en proceso de certificación-, ou amparados por indicativos como a denominación de orixe ou a indicación xeográfica protexida.

O conselleiro do Medio Rural, José González, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, estiveron hoxe na xornada de apertura dunha feira que o ano pasado reuniu a decenas de miles de asistentes e conta con centos empresas convidadas. González, Villares e Méndez coincidiron en resaltar a importancia de que, por primeira vez, Galicia esté presente nun evento destas características baixo o paraugas común de Galicia Calidade.

O conselleiro do Medio Rural remarca o compromiso cos gandeiros e o futuro do campo

O conselleiro do Medio Rural, que estivo hoxe acompañado en Barcelona polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos,  afondou na importancia da protección -coa nova Lei da calidade alimentaria- e da promoción como motores fundamentais para impulsar os produtos alimentarios galegos. Nesta segunda dinámica de traballo, a Consellería habilitará en 2024 6 millóns de euros para seguir potenciando os produtos agroalimentarios do país.

Despois do acto de inauguración oficial, o conselleiro asistiu a unha demostración de cociña con carne con selo de Ternera Gallega -da man do chef galego Javier Rodríguez Ponte-, unha das 37 experiencia de calidade galega. Alí, José González remarcou o máximo compromiso cun sector, o gandeiro, “absolutamente estratéxico”, e que conta cunha Estratexia de dinamización do sector cárnico para “reforzar a posición referencial de Galicia no sector, axudando a desenvolver a súa competitividade, sustentabilidade e os lazos co territorio”, segundo destacou o titular do Medio Rural, que insistiu na aposta da Xunta para aumentar o peso das IXP na transformación da carne, adaptándose ás novas demandas dos consumidores.

No 2024, o goberno autonómico destinará 12 millóns de euros aos gandeiros que traballen baixo o indicativo de Ternera Gallega. Ademais, lembrou González, a Xunta seguirá a reforzar no vindeiro ano a súa aposta pola modernización e a remuda xeracional campo, con 83 millóns. Unha partida que inclúe dotacións estratéxicas coma as axudas para a transformación e a comercialización de produtos agrarios (32 millóns), para investimentos produtivos en explotacións agrarias (27 millóns) ou subvencións para facilitar a incorporación de mozos ao agro galego -16 millóns, que sumado ao que se leva investido dende 2009, suporá 164 millóns para beneficiar a 4.500 mozos-.

“Estes investimentos”, remarcou González, unidos ao esforzo para seguir mobilizando terras -con más de 31 millóns de euros en 2024, “exemplifican e demostran o noso compromiso co futuro do rural, para o que traballamos en sintonía con estratexias comunitarias como o Pacto Verde Europeo ou ‘Da granxa á mesa’, que potenciamos dende Galicia apostando polos produtos quilómetro 0, a artesanía alimentaria e, en xeral, a sostibilidade económica, social e ambiental do sector”.  

A excelencia dos produtos pesqueiros galegos

Pola súa banda, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou as excelentes propiedades culinarias dos produtos do mar galegos e a súa contribución ao presitixio da marca Galicia Calidade. Unhas cualidades que cada vez son máis apreciadas nos mercados internacionais como se desprende do bo comportamento do sector en canto a exportacións que alcanzaron os 2.700 millóns de euros o ano pasado. Nese sentido reinvindicou a dieta atlántica como sinónimo de boa sáude e resaltou a importancia de promocionar os produtos pesqueiros e promover o seu consumo entre a ciudadanía dentro dunha dieta equilibrada.

A participación de Galicia nesta cita está enmarcada na estratexia posta en marcha pola Consellería do Mar de promoción e comercialización internacional dos produtos pesqueiros galegos mediante a participación das empresas do sector nas principais feiras, destacando as de Singapur, Colonia ou Cabo Verde e a previsión e reforzar a participación neste tipo de eventos o ano próximo e que levará o mellor sabor das nosas rías a cidades como Boston, Dubai, París ou Nova York.

O expositor da Xunta de Galicia contará cun gran espazo no que poderán degustarse produtos galegos do mar, tanto aqueles que pertencen á tradición como os máis innovadores da man de numerosos produtores. Lucía Freitas (A Tafona), Xosé Cannas (Pepe Vieira), Javier Olleros (Culler de Pau) e Pepe Solla, todos eles con estrelas Michelín, representarán á cociña galega, defendendo os valores da sustentabilidade e apostando pola biodiversidade. Haberá tamén dous espazos adicionais onde se farán programas gastronómicos e petiscos así como a celebración de showcookings. No stand estarán presentes marcas referentes no sector como O Percebeiro, O Capitán Alga, Mariscos Alumar, Artesa Rías Baixas, Conservas Cortizo e Frigoríficos Rosa dos Ventos.

Consellería de Economía, Industria e Innovación

Na súa intervención, a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez resaltou a aposta da marca de garantía pola promoción dos produtos alimentarios nos mercados nacionais e internacionais, como neste Fórum Gastronómico de Barcelona, onde as empresas certificadas mostrarán aos visitantes a calidade dos mesmos. Ademais, Méndez apostou por continuar coa promoción en vindeiros eventos baixo o paraugas de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e distinguida polos consumidores.

Experiencias de calidade

O Fórum Gastronómic de Barcelona supón un importante escaparate para o sector, converténdose nunha plataforma ideal para que os produtores galegos poidan ter acceso a novos mercados, de xeito que poidan chegar a un público global e establecer contactos con potenciais clientes e socios comerciais de diferentes partes do mundo. A presenza na feira permítelles amosar os seus produtos, realizar demostracións en vivo, entregar mostras e material promocional e xerar interacción directa cos visitantes.

Dentro da área Experiencias de Calidade, a programación de hoxe inclúe demostracións de cociña ao vivo -de pratos como a Merluza de Celeiro xunto con outros produtos con selo de calidade como a IXP Pataca de Galicia, IXP Pan de Cea e IXP Castaña de Galicia- ou catas-degustacións de produtos galegos con indicativo de calidade -con sobremesas como a IXP Tarta de Santiago e viños premiados nas Catas 2023-, todas enfocadas a promocionar a gastronomía galega baseada en produtos galegos. Estas actividades están dirixidas por profesionais da restauración galega e persoal dos consellos reguladores e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/11/2023