A Xunta anima ás firmas de Ferrolterra, Ortegal e Eume a adherirse ao programa Retorna Cualifica Emprego e atopar talento galego no exterior

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, participou no Foro Retorna Emprego da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer)

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2023

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou no Foro Retorna Emprego organizado na Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer). A Xunta de Galicia ten en marcha esta iniciativa coa que está a atraer talento galego do exterior para dar resposta, entre outros beneficios, ás necesidades de persoal cualificado das empresas.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a favorecer o regreso de galegas e galegos residentes no exterior, aos que se lles ofrece un contrato de traballo e plans personalizados de cualificación e empregabilidade.

A directora xeral animou ás firmas de Ferrolterra, Eume e Ortegal a adherirse ao programa para que poidan canalizar súas ofertas de emprego, para as que atopan difícil cobertura en Galicia.  

Lado avanzou que grazas ao programa xa se rexistraron medio milleiro de ofertas de traballo e máis dun cento de traballadores chegaron a Galicia cun traballo. Grazas a esta iniciativa, as persoas do exterior que desexan retornar poden optar, en paralelo, a axudas para o traslado e para os primeiros gastos de estancia na comunidade.

Retorna Cualifica Emprego forma parte da nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26, integrada por un cento de medidas e 450 millóns de euros de orzamento, co obxectivo facilitar o regreso á súa terra de milleiros de galegos do exterior nos vindeiros exercicios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/11/2023