A Xunta destina preto de 2,4 M€ a fomentar a sustentabilidade no sector dos recursos naturais

A Consellería de Economía, Industria e Innovación concede 68 apoios dentro das cinco liñas de axudas destinadas a avanzar na mellora ambiental e laboral, así como para promover a eficiencia enerxética e a certificación das empresas desta industria

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2023

çA Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das cinco liñas de axuda de fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia. En total concédense preto de 2,4 M€ para apoiar 68 proxectos. Deste xeito, a Consellería de Economía, Industria e Innovación mantén o seu compromiso co desenvolvemento dunha minaría sustentable e segura. 

Así, unha das liñas apoia os investimentos destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico das zonas onde se desenvolve a actividade mineira e, en especial, mediante a redución de emisións de po e ruído. A principal novidade é que se estende a investimentos para a protección do medio ambiente na zona da actividade mineira. Outras dúas liñas impulsan investimentos para mellorar as condicións das persoas traballadoras, en especial na redución da exposición ao po e o ruído: unha diríxese ao sector mineiro en xeral e inclúe, como novidade, investimentos tamén en redución das vibracións e medidas de seguridade, hixiene industrial e ergonomía; e a outra ao da rocha ornamental.  

Por outra banda, outórganse axudas para apoiar a adquisición de equipamentos de eficiencia enerxética nas empresas do sector mineiro, especialmente para as que se dedican ao envasado das augas minerais naturais, así como as de explotación de balnearios. Este ano abriuse, polo tanto, a todo o sector e, ademais, inclúe apoios para a elaboración de auditorías enerxéticas relacionadas cos investimentos que vaian realizar nestes equipamentos.  

Por último, apóianse os procesos de implantación e certificación das normas UNE 22480: 2019 Sistema de Xestión mineira sustentable e UNE 22470: 2019 Sistema de Xestión mineiro, mineirometalúrxica e metalúrxica sustentable, que acreditan a implantación dun sistema de xestión mineira sustentable nas empresas deste sector e que permitirá a Galicia avanzar no seu obxectivo de converterse na Comunidade cun maior número de compañías mineiras certificadas neste eido.  

Estas axudas permitirán o desenvolvemento de proxectos que favorecerán un aproveitamento racional e eficiente dos recursos naturais, valéndose da investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento como elementos de mellora do sector que, ademais, redundarán nun menor impacto medioambiental da actividade. Ademais impulsará unha mellora en materia de prevención e riscos laborais, achegando maior seguridade aos traballadores do sector. Obxectivos que coinciden cos que marca a Axenda de impulso da minaría sustentable aprobada pola Xunta de Galicia.

Data de actualización: 06/11/2023