A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu unha nova reunión sobre o abastecemento dos municipios da área de Pontevedra

A Xunta, Acuaes e os concellos fixan como obxectivo 2024 para contar cunha nova concesión de auga e un modelo de xestión supramunicipal do abastecemento de Pontevedra

Os concellos de Bueu, Marín, Poio, Ponte Caldelas e Vilaboa aprobaron xa nos plenos municipais os acordos para impulsar a creación do novo ente, mentres que Pontevedra se comprometeu a realizar o trámite neste mes de novembro

A Xunta e Acuaes materializan o seu apoio técnico aos municipios cunha proposta de estatutos que pretende servir de base para o futuro organismo supramunicipal e facilite o traballo dos concellos

Ademais, están a realizar un completo estudo técnico sobre as necesidades de funcionamento e alternativas de xestión do sistema de abastecemento que estará completado e a disposición dos municipios en febreiro

Os municipios participarán na súa elaboración a través de dous grupos de traballo, un técnico e outro xurídico, que colaborarán con Augas de Galicia e Acuaes

Ethel Vázquez lembra que é imprescindible a creación dun supramunicipal para garantir a calidade do servizo, facilitar a ordenación urbanística dos concellos e para unha mellor xestión de episodios de escaseza

Pontevedra, 7 de novembro de 2023

A Xunta, Acuaes e os municipios afectados marcaron fixaron hoxe como obxectivo o 2024 para contar cunha nova concesión de auga regularizada e un modelo definido de xestión supramunicipal do sistema de abastecemento de Pontevedra de forma que se acade a meta de cogobernanza. 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo hoxe un novo encontro de traballo sobre o abastecemento de Pontevedra. O Goberno galego convocou a esta xuntanza aos municipios de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu, Vilaboa e Ponte Caldelas que, finalmente, por imprevistos, non puido asistir á reunión, desculpando a súa asistencia.

O encontro celebrado esta mañá deulle continuidade á reunión mantida en xullo, na que todos os concellos estiveron de acordo na creación deste ente e se comprometeron a aprobar, nos respectivos plenos municipais, os trámites necesarios e antes de que rematase o mes de outubro.

Na reunión de hoxe constatouse que todos os Concello cumpriron xa ese compromiso, agás o de Pontevedra, que se comprometeu a elevar este asunto á xunta de goberno esta mesma semana para a súa aprobación no pleno antes de que finalice este mes de novembro.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, e Acuaes, materializaron o seu compromiso de apoio técnico facendo entrega dunha proposta de estatutos para a constitución dunha mancomunidade que garanta a xestión conxunta do abastecemento. Trátase dun texto base que pode ser modificado e que ten como fin facilitarlles o traballo e a tramitación.

 

As administracións estatal e autonómica tamén informaron de que van elaborar un completo estudo técnico sobre as necesidades do futuro sistema e as posibilidades de xestionar, co obxectivo de poñer á disposición dos concellos o resultado dese traballo o vindeiro mes de febreiro.

 

Para facilitar a súa elaboración e contribuír ao desenvolvemento do ente supramunicipal que garanta a xestión do abastecemento en réxime de cogobernanza, na reunión desta mañá acordouse crear dous grupos de traballo, un técnico e outro xurídico, que colaborarán con Augas de Galicia e Acuaes.

 

Vázquez Mourelle puxo en valor a apoio que a Xunta e o Goberno veñen prestando para a configuración do ente para a xestión en cogobernanza deste sistema de abastecemento, que é obrigada por motivos legais para garantir a calidade do servizo, facilitar a ordenación urbanística dos concellos e coñecer a auga que se capta e se consume en cada municipio para unha mellor xestión de episodios de escaseza.

 

Sinalou que o ente permitirá resolver a alegalidade da captación de auga, xa que o Concello de Pontevedra ten unha concesión que non está regularizada e que abastece a outros municipios que non están a participar na xestión.

 

Reiterou que unha vez que os Concellos de Vilaboa, Bueu, Ponte Caldelas, Poio, Marín e Sanxenxo autorizaron os trámites para a constitución desa entidade supramunicipal, resta que o Concello de Pontevedra axilice a tramitación para poder facer efectiva esa xestión en réxime de cogobernanza e garantir un servizo de maior calidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/11/2023