A Xunta inviste preto de 30.000 euros na mellora das instalacións da escola oficial de idiomas de Vigo

Ana Ortiz visitou este luns o centro educativo no que cursan estudios máis de 6.000 alumnos e imparten clase máis de 100 profesores

Nos últimos meses leváronse a cabo traballos para a reparación de fachadas, baixantes pluviais, paramentos interiores e acometida de incendios

Vigo, 6 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, visitaron este luns as instalacións da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Vigo na que se levaron a cabo nos últimos meses diversas melloras cun investimento de preto de 30.000 euros.

Segundo explicou a representante autonómica, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades finalizou os traballos orientados á reparación de fachadas, baixantes pluviais e paramentos interiores, ademais de actualizar a acometida de incendios. 

A EOI dá servizo a máis de 6.000 alumnos matriculados e conta con máis de 100 profesores (54 de inglés) repartidos entre a sede central de Vigo, na avenida Martínez Garrido, e as súas seis seccións: Cangas, Coia, Nigrán, Ponteareas, Redondela e Tui. Nas súas aulas imparten clases de alemán, chinés, español para estranxeiros, galego, francés, inglés, italiano, portugués e xaponés.

Durante a visita, na que aproveitou para percorrer as instalacións do centro dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Ana Ortiz puido constatar a alta demanda dos cursos, así como o correcto funcionamento da actividade docente a través das clases online ou instalacións como a biblioteca ou o novo estudo de radio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/11/2023