A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou a casa reitoral de Montemaior, na Laracha, que se vai rehabilitar con cargo a este fondo

A Xunta disporá o vindeiro ano de 20 M€ para conceder préstamos sen xuros a concellos de menos de 50.000 habitantes para rehabilitar inmobles municipais

Ángeles Vázquez subliña que na convocatoria de 2023 se recibiron 39 solicitudes por importe de 10,15 millóns de euros que están sendo valoradas

A Laracha (A Coruña), 6 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia disporá o vindeiro ano de 20 millóns de euros para conceder préstamos sen xuros a concellos de menos de 50.000 habitantes para levar a cabo actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído, segundo avanzou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.  

Durante unha visita á casa reitoral de Montemaior, no concello coruñés da Laracha, que se vai a rehabilitar ao abeiro desta iniciativa, Ángeles Vázquez explicou que estes préstamos, que deberán ser reintegrados polos municipios nun prazo de 8 anos, teñen por obxectivo, entre outras cuestións, adquirir e rehabilitar inmobles en estado deficiente de conservación como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio. 

Cómpre salientar que este fondo se financia con cargo ás fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, cuxa devolución aos depositarios está plenamente garantida. As cantidades devoltas polos concellos pasan a integrarse novamente no fondo para que poidan ser reutilizadas en novos préstamos. 

A vicepresidenta segunda subliñou que na convocatoria de 2023 se recibiron 39 solicitudes por importe de 10,15 millóns de euros que están sendo valoradas. Nesa liña, lembrou que entre 2017 e 2021 se concederon préstamos por importe de máis de 11,35 millóns de euros para financiar 50 actuacións, e no ano 2022 destináronse 6,38 millóns de euros a 28 convenios para actuar en 18 municipios.  

No caso concreto da casa reitoral de Montemaior, o concello da Laracha recibiu unha achega de preto de 715.000 euros para a súa rehabilitación co obxectivo de destinar o inmoble a albergue e edificio de usos socioculturais.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/11/2023