A Xunta concede axudas por case 2 M€ para impulsar novos proxectos e mellorar instalacións existentes para clasificación e tratamento de residuos municipais

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da orde convocada o pasado verán e destinada a empresas, autónomos, asociacións e fundacións
 

O obxectivo é avanzar na consecución dos obxectivos comunitarios de preparación para a reutilización e reciclado, previndo a xeración de residuos así como a redución dos refugallos de orixe doméstica destinados ao seu depósito en vertedoiro
 

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia concedeu este ano case 2 millóns de euros en axudas para apoiar novos proxectos empresariais ou sen ánimo de lucro para fomentar a preparación para a reutilización (PxR) de residuos municipais e introducir melloras en instalacións de tratamento xa existentes.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pola que se fai pública a relación de subvencións concedidas ao abeiro da orde convocada o pasado mes de agosto e dirixida a empresas, autónomos, asociacións e fundacións para o impulso de actuacións na Comunidade en materia de residuos de competencia municipal.

Cómpre lembrar que, segundo constaba nas bases, había catro liñas de financiamento diferenciadas para proxectos de nova construción, ampliación ou mellora de instalacións de preparación para a reutilización (unha para asociacións e fundacións e outra para empresas e autónomos), actuacións en plantas de triaxe e clasificación de envases lixeiros ou melloras en centros de tratamento existentes co fin de incrementar a eficacia na recuperación dos materiais contidos no lixo que reciben.

As actuacións finalmente subvencionadas van dirixidas a potenciar a xestión e recollida en orixe da fracción orgánica dos residuos municipais, á recollida e xestión de fraccións de residuos especiais de orixe doméstica, así como para desenvolver as infraestruturas precisas para tratar os residuos xerados e para acadar os obxectivos propostos.

En concreto, os proxectos que acadaron a condición de beneficiarios foron 4: 2 correspondentes aos obxectivos da Liña 2 (dirixida a autónomos e empresas para instalacións de PxR) e os outros 2 a iniciativas da Liña 3 (dirixida a autónomos e empresas para melloras nas instalacións de triaxe e clasificación de envases).

Coa convocatoria destas axudas, cofinanciadas con fondos europeos a través do programa NextGenerationEU, avánzase cara ao cumprimento dos obxectivos impostos polo actual marco normativo en materia de residuos municipais, toda vez que os proxectos financiados responden á nova cultura empresarial circular que aposta por unha tecnoloxía ecoeficiente, que contribúe á preparación para a reutilización dos residuos de orixe municipal así como á redución dos refugallos destinados a vertedoiro.

 

Data de actualización: 06/11/2023