A Xunta promociona cunhas xornadas técnicas o selo de calidade Artesanía Alimentaria
A Axencia Galega de Calidade Alimentaria organiza unhas xornadas técnicas dar a coñecer esta nova figura de calidade diferenciada
Esta iniciativa chagará aos concellos de Allariz, Pontevedra e Santiago de Compostela neste mes
Entre os participantes atópanse empresas artesanais, tendas gourmet e bloggers gastronómicos que achegarán os seus coñecementos e experiencias na produción e comercialización de produtos artesáns
A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, está levando a cabo unhas xornadas técnicas para promocionar a nova figura de calidade diferenciada Artesanía Alimentaria. A Axencia quere dar a coñecer este distintivo e a importancia do produto alimentario artesán como alimento de calidade coas Xornadas Artesanía Alimentaria 2023, que están a visitar varios concellos galegos.
Despois do seu paso por Betanzos e Lugo, este ciclo de xornadas chegará o vindeiro martes a Allariz, celebrándose no Salón de Actos do propio Concello, o día 13 terá lugar no recinto feiral de Pontevedra e rematará no Museo Pedagóxico de Galicia, en Santiago de Compostela, o día 29.
A Axencia Galega de Calidade Alimentaria pretende, con esta iniciativa, expoñer os requisitos normativos, os procedementos para rexistros e as vantaxes de pertencer á Artesanía Alimentaria, ademais de presentar outras figuras de calidade diferenciada ou certificacións públicas.
Entre os participantes atópanse empresas artesanais, tendas gourmet e bloggers gastronómicos, que achegarán os seus coñecementos e as súas experiencias na produción e comercialización de produtos alimentarios artesáns aos asistentes a estas xornadas de promoción.
Por último, esta iniciativa busca converterse nunha xornada para o coñecemento mutuo e o intercambio de ideas e proxectos entre empresas artesanais e tendas gourmet. Por iso, tanto operadores de Artesanía Alimentaria como as tendas poderán participar nun espazo de encontro que se deseñará para tal fin.
Para participar é preciso inscribirse de xeito previo a través deste documento en liña.
Lei da calidade alimentaria
Este tipo de propostas poñen en valor a calidade dos produtos galegos, algo polo que a Xunta aposta decididamente. Exemplo diso é a nova Lei da calidade alimentaria, que está en tramitación no Parlamento, e que busca dotar aos produtos alimentarios galegos dunha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva.