O conselleiro do Mar participou no acto central do Día do Mar na 24ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar

A Xunta destinará a dinamizar os mercados e a promover o consumo de produtos do mar da maior calidade 42 millóns de euros no ano 2024, un 30% máis

O titular de Mar apostou por reforzar o bo traballo que se está a facer neste eido co obxectivo de que as vantaxes de consumir alimentos mariños de Galicia sexan coñecidas a escala global e as empresas do sector amplíen os seus mercados

Para campañas de promoción e internacionalización, incluída a presencia nunha vintena das principais feiras, exposicións e salóns de alimentación do mundo, resérvanse nas contas do departamento 11 millóns de euros, un 8 % máis

Ourense, 3 de novembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou hoxe na celebración do Día do Mar na 24ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, onde destacou a importancia de promocionar os produtos do mar neste tipo de eventos para mellorar a súa comercialización e impulsar a xeración de riqueza e emprego no complexo mar-industria de Galicia. De feito, sinalou que os Orzamentos 2024 do seu departamento reforzan os fondos destinados á dinamización dos mercados, dos produtos de calidade diferenciada e do consumo dos alimentos do mar aumentan máis dun 30 % no novo exercicio, ata case alcanzar os 42 millóns de euros.

O representante do Executivo galego, que estivo acompañado pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, destacou que dentro desta partida xeral inclúese unha grande aposta pola promoción dos produtos do mar e a internacionalización das súas empresas. Así, increméntanse un 8 % os fondos e supéranse os 11 millóns de euros que se utilizarán nas diferentes campañas para promover o consumo destes alimentos e para reforzar a presenza dos produtores galegos nas principais feiras, exposicións e salóns vinculados á alimentación no mundo, cunha vintena que levarán a pemes galegas por todos os recunchos do planeta.

Alfonso Villares recoñeceu que se está a facer un bo traballo na comunidade neste eido, como proba que o ano pasado as empresas da cadea mar-industria de Galicia batesen todas as marcas e acadasen, superando os 2.700 millóns de euros, a súa plusmarca de exportacións. Pero máis aló de este récord histórico recalcou que é preciso insistir nesta estratexia e reforzar para que as vantaxes de consumir os produtos do mar de Galicia sexan coñecidas a escala global e as empresas do sector amplíen os seus mercados.

Galicia xa participou este ano noutras feiras deste tipo como Seafood Expo Asia (Singapur), Expomar (Cabo Verde), Conxemar (Vigo) ou Anuga (Colonia), e o ano que ven a previsión e pasar por Madrid Fusión, Seafod International Bremen (Alemaña), Foodex (Xapón), Alimenmtaria Barcelona, Fancy Food Nova York (EEUU) ou SIAL París (Francia).   

O titular de Mar sinalou que baixo esta importante aposta se están a cociñar novas liñas de promoción, a reformulación dos programas para favorecer o consumo nas escolas e nos mercados de proximidade, e a presenza en feiras sectoriais, ámbitos que son vitais para difundir os valores nutritivos e culinarios dos produtos da pesca, o marisqueo, a acuicultura e as súas conservas e outros alimentos transformados.

Alfonso Villares volveu en Xantar a poñer en valor unha exitosa campaña como GALICIA SABE AMAR, con foros temáticos e as catro ‘foodtrucks’ que tras percorrer España adéntranse nestas datas nos concellos do interior da comunidade galega, co obxectivo de levar os seus petiscos ata o último recuncho da comunidade. Entre a materia prima están os peixes e mariscos da pesca artesanal amparados co selo de calidade pescadeRías, a pescada do pincho, o bonito do norte, o mexillón ou as conservas.  

Presenza na feira

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar celebra a súa 24ª edición desde o pasado xoves ata o próximo domingo co obxectivo de poñer en valor os produtos agroalimentarios de calidade da comunidade. Entre as finalidades da feira está a dinamización do rural a través da enogastronomía e do turismo promovendo produtos innovadores que destacan pola súa calidade e sustentabilidade.

A Consellería do Mar participa neste certame cun posto de 54 metros cadrados de superficie no que dá a coñecer a calidade dos peixes e mariscos galegos coa campaña GALICIA SABE AMAR, na que se inclúe un programa de obradoiros gastronómicos-degustacións nas que participan desde Anfaco-Cecopesca as organizacións de produtores pesqueiros OPP-7 de Burela e OPP-4 de Vigo, a DOP Mexillón de Galicia ou os Armadores de Burela (ABSA). Con espazo propio tamén está presente a Consellería do Medio Rural e participa ademais a Consellería de Economía.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 03/11/2023