A Xunta organiza dúas xornadas formativas sobre a situación actual do colectivo LGTBI e as actuacións empresariais ao respecto

A primeira -que será o 14 de novembro en Santiago- está dirixida a sindicatos, ao empresariado e a persoas vinculadas ás asociacións do colectivo LGTBI, mentres a segunda -o día 15 en Vigo- estará aberta a toda a cidadanía

Sobre as cuestións a tratar, abordarase a xestión dos recursos humanos ou as obrigas das empresas, así como as actuacións da Inspección de Traballo e da Seguridade Social

O Goberno galego vén de habilitar unha páxina web específica sobre a diversidade por identidade sexual e de xénero no seu portal dedicado á igualdade laboral

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade organiza este mes de novembro dúas xornadas formativas sobre a situación actual, a negociación colectiva e as obrigas empresariais respecto do colectivo LGTBI. A primeira, organizada en Santiago de Compostela o próximo día 14, está dirixidas a sindicatos, empresariado e asociacións relacionadas co colectivo. A segunda, en Vigo o día 15, está aberta a toda a cidadanía.

Primeiramente, o 14 de novembro terá lugar unha xornada de oito horas de duración para persoas pertencentes aos sindicatos máis representativos, para a Confederación de Empresarios de Galicia e para persoas pertencentes ou vinculadas ás asociacións do colectivo LGTBI. De xeito presencial en Santiago -pero tamén via streaming- falarase da realidade do colectivo tratando a discriminación, a inclusión e a diversidade; da intervención dos poderes públicos e do papel dos interlocutores sociais. Tamén das obrigas e medidas das empresas, das actuacións da Inspección de Traballo e Seguridade Social, da xestión de recursos humanos e -por último- dos recursos que ofrecen as asociacións.  

Mentres, a xornada do 15 de novembro está aberta a toda a cidadanía. Durante catro horas, darase a coñecer tamén neste caso a situación actual do colectivo LGTBI e as actuacións empresariais ao respecto destas persoas. Esta formación terá lugar en Vigo e tamén se poderá seguir online. Quen teña interese en inscribirse, poderá atopar toda a información na páxina correspondente. 

Igualdade laboral

Cómpre destacar que o portal da Xunta de Galicia dedicado á igualdade laboral vén de habilitar unha sección específica con contidos de diversidade por identidade sexual e de xénero de ámbito laboral (diversidade.aigualdadelaboral.gal).

Esta páxina web responde ao acordado no Grupo de traballo de relacións laborais dos colectivos LGTBI. Accesible a toda a cidadanía, encargarase de divulgar recursos de interese para a promoción de ambientes laborais inclusivos coas persoas LGTBI, como normativa, formación ou referencias sobre diversas asociacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/11/2023