A Ribeira Sacra reúne unha trintena de expertos de todo o mundo nun congreso internacional

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades inaugurará mañá esta cita que se celebrará ata o mércores no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil

O encontro poderá seguirse tamén de xeito telemático e incluirá presentacións, conferencias e mesas redondas, entre outras actividades

O obxectivo da iniciativa é revitalizar a candidatura a Patrimonio da Humanidade deste territorio das provincias de Lugo e Ourense

A Xunta de Galicia mantén un firme compromiso con esta comarca na que leva investidos 7,2M€ na conservación e posta en valor de 44 bens
 

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2023

A Ribeira Sacra acollerá a vindeira semana o encontro Paisaxes da auga: unindo o pasado co futuro, unha cita internacional que reunirá no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil unha trintena de expertos de todo o mundo co fin de impulsar o recoñecemento do valor e a importancia deste territorio das provincias de Lugo e Ourense.

A cita será inaugurada mañá polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nun acto institucional no que tamén participará a directora xeral do Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, así como o director da División de Ciencias da Auga e secretario do Programa Hidrolóxico Intergubernamental da UNESCO, Abou Amani, e a secretaria xeral da Alianza de Paisaxes Culturais e Sitios Afíns Patrimonio Mundial, María del Pozo.

Este encontro, que se prolongará ata o mércores, inclúe un amplo programa de actividades con presentacións, conferencias e mesas redondas, entre outras iniciativas, nas que participarán representantes de organismos como a Unesco, Icomos, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza, así como das universidades e outras institucións. Ademais, a cita está aberta ao público e poderá seguirse tanto de xeito presencial como telemático a través da plataforma Zoom.

Protección, investigación e promoción

O obxectivo deste congreso, que reúne no corazón da Ribeira Sacra a expertos de todo o mundo, é revitalizar a candidatura a Patrimonio da Humanidade deste territorio e abordar de xeito conxunto os desafíos relativos á preservación, a investigación, a protección e promoción do patrimonio a través da posta en marcha de novas vías de diálogo entre profesionais de diferentes ámbitos.

Ademais, a súa preparación encádrase no firme compromiso da Xunta de Galicia con esta comarca e a súa postulación para ser declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. De feito, desde o ano 2017, cando comezaron os primeiros traballos da candidatura, o Goberno galego leva investidos 7,2 M€ para recuperar, mellorar, estudar, rehabilitar e garantir a conservación e posta en valor de 44 bens patrimoniais das provincias de Lugo e Ourense.

Primeira xornada

O encontro conta cun nutrido programa que se inicia co relatorio, mañá ás 9,30 horas, de Mónica Luengo, directora do encontro, e coa conferencia inaugural a cargo de António Abreu, director da División de Ciencias Ecolóxicas e da Terra da UNESCO.

A axenda da primeira xornada inclúe tamén as conferencias de Henk P. J. van Schaik, vicepresidente honorario do Comité Científico Internacional ICOMOS Auga e Patrimonio; Rafael Mata, catedrático de Análise Rexional na Universidade Autónoma de Madrid; Jurn Buisman, secretario xeral de ICOMOS, e Diederik Six, embaixador especial da Auga e o Patrimonio.

O programa de mañá complétase coas mesas redondas A auga, elemento xerador de paisaxes e Paisaxes da auga, un patrimonio vivo e a actuación musical a cargo de Camerata Arven.

Data de actualización: 05/11/2023