A Xunta denuncia que a proposta de ABAU para este curso agrava as desigualdades entre comunidades e esixe un marco común homologado que garanta a equidade no acceso á universidade

A Consellería de Educación presenta un paquete de alegacións ao proxecto de orde ministerial encamiñadas a corrixir esta deriva

Advirte de que a nova proposta supón unha ruptura total co modelo precedente, pese a que o Ministerio se comprometeu a que os cambios foran os mínimos

Esixe que se recuperen as matrices e especificacións das probas de acordo aos currículos actuais, concretando as competencias e os criterios de avaliación

Demanda pautas para todas as novas materias das que non existen guías precedentes que poidan servir de referencia
 

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia denuncia que a última proposta de Abau que o Goberno do Estado quere aplicar este curso afonda aínda máis nas desigualdades que xa existen entre comunidades autónomas no acceso á Universidade, polo que esixe un marco común homologado que garanta a equidade para todos os estudantes.

Para ilo, acaba de presentar un conxunto de alegacións ao proxecto de orde ministerial encamiñadas a corrixir esta deriva que abre a porta a maiores diferenzas entre as probas que se elaboran desde os diferentes territorios, tanto a nivel de contidos como de grao de dificultade.

Isto, segundo se recolle no texto das alegacións, agravará aínda máis a consecución do obxectivo de garantir a equidade, a igualdade de oportunidades e unha xusta concorrencia competitiva no contexto de distrito único de acceso á universidade, como vén reclamando Galicia desde hai anos. 

Pese ao anuncio do Goberno do Estado de habilitar un modelo de transición con cambios mínimos respecto ao modelo vixente para adaptarse á nova Lei educativa e ao currículo de Bacharelato, a Xunta expón que o proxecto de orde ministerial supón unha ruptura total co modelo vixente ata o de agora e bota abaixo o compromiso do Estado de que os cambios foran mínimos neste período de transición.

Matrices de acordo cos currículos e criterios de avaliación

Un dos eidos nos que se fai máis fincapé é na falta de matrices de especificacións dos temarios das distintas materias, que o Ministerio non fixa. Estas matrices, alega a Consellería, “son un elemento clave nas características e no deseño das probas”, tal e como establece o real decreto de 2016, que sigue vixente. Neste senso, a Consellería de Educación reclama que neste proxecto ministerial se recuperen as definicións das matrices de acordo cos actuais currículos, sinalando as competencias específicas, os criterios de avaliación e os saberes básicos.

Materias novas para as que non existen referencias

Tamén se advirte do agravante de que hai materias novas das que non existen guías precedentes que poidan servir de referencia, como é o caso das de modalidade como Debuxo Artístico II, Análise Musical e Ciencias Xerais, para as que se carece de referencias anteriores a este curso académico.

A isto súmanse outras materias que cambian de natureza como o caso de Historia de Filosofía, que cambia de materia optativa a materia común para todo o alumnado; Artes Escénicas II, que cambia de optativa a materia de modalidade,; e outras optativas con cambios importantes nos seus currículos como Empresa e Modelo de negocio, Xeoloxía e Ciencias Ambientais ou Fundamentos Artísticos, ao que se engaden toda unha serie de materias optativas que comezaron no presente curso e das que non se ten ningunha referencia.

Neste contexto, a Xunta denuncia o abandono de funcións do Ministerio ante estas probas, que aboca a unha absoluta incerteza e indefensión tanto ao profesorado como aos alumnos implicados no proceso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/11/2023