A directora xeral de Patrimonio Natural reuniuse esta mañá co presidente e outros dous membros da xunta directiva

A Xunta e a Federación Galega de Caza acordan seguir colaborando o vindeiro ano para formar ao colectivo e fomentar novas incorporacións

Belén do Campo avanza o compromiso orzamentario do seu departamento para renovar o convenio de colaboración que mantén con esta organización desde 2015

A directora e os responsables da Federación intercambiaron impresións sobre as primeiras semanas de vixencia da declaración de emerxencia cinexética en Galicia

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia e a Federación galega de caza (FGC) reafirmaron esta mañá o seu compromiso para seguir colaborando o vindeiro ano na realización e impulso de actividades formativas dirixidas ao colectivo dos cazadores así como noutras medidas que fomenten novas incorporacións ao sector.

Así o acordaron esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o presidente da entidade, Luís Fidalgo, que mantiveron unha reunión de traballo co fin de abordar este e outros asuntos de interese común.

Tras lembrar que Xunta e FGC manteñen de forma ininterrompida unha fluída relación de colaboración desde 2015, do Campo confirmou o compromiso orzamentario do seu departamento para renovar o convenio de colaboración para 2024.

Neste sentido, ambas partes coincidiron na necesidade de seguir colaborando na formación continua de cazadores e responsables das sociedades de caza de Galicia a través da organización de cursos, charlas e campañas de divulgación ao redor de temáticas de interese para o sector como a seguridade e a prevención de accidentes, a posta en valor do labor cinexético para o medio rural, a xestión interna das entidades cinexéticas ou cuestións de saúde alimentaria e manipulación da carne de caza.

En concreto, os responsables da FGC indicaron que máis de 300 asociados participaron neste tipo de cursos no que vai de ano cunha idade que se moveu entre os 31 e os 50 anos e un perfil maioritariamente masculino aínda que tamén se detectou un incremento da participación de mulleres, representando ao redor do 10% do total.

De feito, na reunión abordouse a situación do colectivo en Galicia, cunha idade media que supera os 50 anos, motivo polo que a Federación recoñeceu a súa preocupación pola remuda xeracional e incidiu na necesidade de abrir a actividade a novos colectivos.

Así, explicaron que seguirán traballando na promoción de actividades dirixidas a atraer á mocidade a través de propostas lúdico-deportivas que incidan no coidado de cans ou na promoción de circuítos de agility, entre outros aspectos.

Por último, a directora xeral e os membros da directiva da FGC intercambiaron impresións sobre as primeiras semanas de vixencia da emerxencia cinexética polo xabaril, que entrou en vigor o pasado 16 de setembro en 37 comarcas co fin de axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas con maior incidencia, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.

Neste sentido, Belén do Campo agradeceu a colaboración dos cazadores na aplicación das medidas previstas no marco desta declaración temporal e ambas partes confiaron en que dea os resultados agardados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/11/2023