O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita o centro no que se levará a cabo esta actuación ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Román Rodríguez anuncia un investimento de 2,5 M€ na ampliación do instituto Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín, que permitirá reforzar a oferta de ciclos de FP

“É unha moi boa noticia para a comarca do Deza, que poderá duplicar a oferta de Formación Profesional”, destaca o responsable de Educación da Xunta de Galicia

Con esta intervención dotarase ao edificio dunha maior capacidade ao crearse oito novas aulas, tres talleres e un laboratorio

Lalín (Pontevedra), 3 de novembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o Instituto IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín, onde anunciou un investimento de 2,5 M€ por parte da Xunta de Galicia para levar a cabo obras de ampliación, o que posibilitará reforzar a oferta de Formación Profesional na comarca e dar un mellor servizo aos ciclos xa existentes. Trátase dunha actuación impulsada ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que dotará a este centro, con case 600 alumnos, dunha maior capacidade ao crear oito novas aulas, tres talleres e un laboratorio que darán servizo aos ciclos de FP que se imparten nel.

“Esta é unha moi boa noticia para a comarca do Deza, que enriquecerá a súa oferta de Formación Profesional para brindarlles máis oportunidades académicas ás novas xeracións”, destacou o responsable autonómico de Educación. A este respecto, explicou que esta ampliación ten un “un beneficio claro”, xa que permitirá duplicar a oferta de FP na comarca ao tempo que implantar novos ciclos da familia Informática e afíns. Paralelamente, posibilitará seguir avanzando cara centros educativos máis respectuosos co medio ambiente e adaptados aos novos retos o día a día

Servizo aos ciclos de informática

Coa ampliación anunciada hoxe e cuxo proxecto sairá a licitación proximamente, o centro gañará un total 1.570m² novos de espazos ao servizo dos ciclos vinculados a informática, ademais da instalación de novos aseos, espazos maker, foro e almacéns.

Así pois o ciclo Básico de Informática de oficina contará cunha nova aula polivalente e talleres administrativo e de informática e comunicacións; o ciclo Medio de Sistemas microinformáticos e redes beneficiarase dunha aula polivalente, outra aula técnica e taller de instalación e reparación de equipamentos informáticos; o ciclo Superior de Desenvolvemento de aplicacións web tamén disporá dunha aula polivalente, outra de programación e unha terceira de desenvolvemento web. Finalmente, o ciclo Superior de Administración de sistemas informáticos en rede dotarase dunha aula polivalente, outra técnica e un laboratorio.

Central de biomasa

Doutra banda, compre lembrar que, atendendo ao obxectivo de avanzar na sostibilidade ambiental, o centro contará este ano cun novo equipo de produción térmica con biomasa que fornece de enerxía tamén a outros tres edificios públicos grazas a unha achega de 1,3 M€ no marco da compromiso da Xunta de Galicia coa mellora da eficiencia enerxética.

En canto á posta en funcionamento deste novo dispositivo, o conselleiro explicou que a rapazada “xa recibiu as primeiras mostras de calor procedente da nova central de biomasa, pero os técnicos continúan traballando e facendo probas co fin de garantir que estea a pleno funcionamento en inverno”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/11/2023