O convenio da Xunta con Asfedro increméntase en máis dun 20% durante a presente lexislatura

A Xunta realizou unha achega de 50.000 euros para a substitución da cuberta envolvente da comunidade terapéutica “O Confurco”

A Consellería de Sanidade salienta o labor e apoio ás familias por parte da asociación nas últimas décadas
 

Ferrol, 3 de novembro de 2023

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, destacou hoxe, no acto de reapertura da comunidade terapéutica Asfedro, que o convenio de colaboración entre o Sergas e esta asociación, que ten como fin o desenvolvemento da asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e outros trastornos adictivos, volve subir cos orzamentos que a Xunta presentou para o vindeiro ano. O novo convenio superará os 1,1 millóns de euros, “o que supón que o orzamento do mesmo incrementouse en máis dun 20% ao longo desta lexislatura”.

De cara ao apoio das actividades de Asfedro, a directora xeral do departamento sanitario dixo no acto, ao que tamén asistiu a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros Barros, que no que se refire a proxectos de investimento en melloras nos centros sanitarios, o Sergas achegou 50.000 euros para a substitución da cuberta envolvente da comunidade terapéutica “O Confurco”. Tamén investiuse en programas de incorporación social e fomento do emprego en persoas con trastornos mentais, o que supuxo unha achega de case 6.500 euros.

Sofía López incidiu na continuidade do proxecto levado a cabo por Asfedro ao longo de todos estes anos, “que serviu de apoio a algunhas familias e que animou a outras a unirse á causa”. Pola nosa parte, -remarcou a directora xeral-, “apoiamos o voso labor e traballamos para poñer á vosa disposición todos os recursos posibles”.

Apoio aos concellos

Tamén incidiu a representante de Sanidade en que, nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, este departamento do Goberno galego reforza o seu apoio aos concellos respecto ás drogodependencias. Así, mantense o convenio coa Fegamp para o financiamento das unidades municipais de atención á drogodependencia, “que superou por primeira vez os catro millóns de euros nesta lexislatura”. No que atinxe ao apoio que Sanidade dá ás entidades sociais, “supera por vez primeira os 11,6 millóns de euros”.

Para rematar a súa intervención, a directora xeral de Sanidade puxo o foco “na necesidade de unificar esforzos entre a sociedade, a Administración e o tecido asociativo” para poder seguir sensibilizando e visibilizando esta problemática, e reiterando o agradecemento ao labor que realiza Asfedro. Tamén saudou a familiares e achegados de Tito Pena, presidente da entidade no momento da inauguración da comunidade terapéutica no ano 1996, e hoxe recordado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/11/2023