A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse co vicerreitor de Planificación e Sostibilidade e coa directora da Oficina de Medio Ambiente

A Xunta e a Universidade de Vigo avanzan no estudo dun Plan de refuxios climáticos en Galicia

A iniciativa consiste en converter as instalacións públicas en refuxios climáticos para protexer aos máis vulnerables das olas de calor para o que é preciso identificar illas de frío no territorio galego

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo recentemente unha reunión co vicerreitor de Planificación e Sostibilidade e coa directora da Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo, José Luis Míguez e Delfina Couce, respectivamente, na que estudaron a elaboración dun plan de refuxios climáticos en Galicia.

Durante o encontro, coincidiron na importancia de dotar á Comunidade dunha rede do que se coñece como “illas de frío”, que son espazos sinalizados, ben distribuídos e gratuítos que contan con refrixeración e aire acondicionado nos que a cidadanía se poida refuxiar en días de temperaturas excesivas. A iniciativa, que xa puxeron en marcha en cidades europeas como París ou Barcelona, consiste na apertura ao público, as 24 horas do día, de centros educativos, ambulatorios, bibliotecas, polideportivos, sedes municipais ou parques para protexer aos máis vulnerables das olas de calor.

Ademais, na reunión os representantes da Universidade explicáronlle á vicepresidenta segunda o Plan Suvi, cuxo obxectivo é mellorar a eficiencia enerxética e reducir a pegada de carbono da Universidade de Vigo. Esta iniciativa desenvolve accións en pro da sostibilidade, a través da instalación de xeotermia no campus de Ourense, de biomasa no de Pontevedra e de enerxía fotovoltaica nos edificios de todos os campus. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/11/2023