A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, supervisou esta mañá o funcionamento do emisario submarino

A Xunta pon en servizo o novo emisario submarino da depuradora dos Praceres e completa as obras que permitiron superar a contaminación da ría de Pontevedra

A auga tratada na depuradora dos Praceres xa é conducida á ría a través do novo emisario, un fito que permitirá acadar obxectivos ambiciosos de calidade das augas

O Goberno galego culminou as obras que permitiron superar a contaminación da ría de Pontevedra grazas a un investimento de case 30 M€ na depuradora e no emisario

A execución do emisario foi complexa, dividíndose nunha parte terrestre e noutra submarina, á súa vez cun tramo en túnel acometido coa tecnoloxía “direct pipe”, pioneira en España, e outro mergullado, acometido desde o porto de Combarro

Pontevedra, 3 de novembro de 2023

A Xunta puxo en servizo o novo emisario submarino da depuradora dos Praceres, completando as obras que permitiron superar a contaminación da ría de Pontevedra.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, supervisou hoxe o funcionamento do novo emisario submarino.

A auga tratada na depuradora dos Praceres xa é conducida á ría a través do novo emisario, un fito que permitirá acadar uns obxectivos máis ambiciosos de calidade das augas.

Para acadar estes obxectivos, o Goberno galego culminou as obras que permitiron superar a contaminación da ría de Pontevedra grazas a un investimento de case 30 M€ na depuradora e no emisario dos Praceres.

Cómpre destacar o traballo e o esforzo, tanto dos técnicos de Augas de Galicia como da empresa adxudicataria encargada destas obras, xa que a execución do emisario foi complexa e delicada.

Tamén a Xunta fixo un esforzo por atender as demandas da Confraría de Lourizán e modificou o proxecto, asumindo un incremento de custo de 2 M€ e os mariscadores facilitaron a execución das obras.

A actuación dividiuse en dúas partes: a obra terrestre, que se corresponde coa cámara de carga e a estación do bombeo; e o emisario submarino, con 3,6 km de lonxitude total, que a súa vez se divide nun tramo en túnel acometido coa tecnoloxía “direct pipe” de perforación dirixida, pioneira en España; e outros 2,9 km de treito mergullado, cuxa execución se levou a cabo desde unha base de operacións no porto de Combarro.

A construción do emisario súmase á optimización da depuradora dos Praceres, culminada no verán de 2022, tras o investimento de 16,5 M€ para a ampliación da liña de lodos e para mellorar o tratamento secundario garantindo a correcta depuración dun caudal de auga de 900 l/s.

Estas melloras na depuradora posibilitaron cumprir os límites de vertido desta planta e situalos entre un 60 e un 80% por debaixo do establecido pola lexislación europea. Con estes datos lógrase eliminar o 90% dos contaminantes, o que supón un salto de xigante na calidade das augas da ría.

Ademais, a eficacia desa actuación na depuradora supuxo a decisión da Comisión Europea de arquivar o procedemento sancionador aberto contra o Reino de España pola contaminación da ría de Pontevedra. Este fito, na práctica, evitou ter que afrontar unha sanción de varios millóns de euros de fondos públicos.

Todas estas intervencións enmárcanse no Plan de saneamento local da Ría de Pontevedra, que prevé aínda máis actuacións para mellorar as condicións da ría.

Neste sentido, a Xunta está a avanzar nas obras de saneamento do río Lameira, en Marín, e nos proxectos dos depósitos e bombeos da Seca e Campelo en Poio, e no bombeo de Cocheras, supeditado á autorización de Costas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/11/2023