A Xunta refoza o seu compromiso coa atención á discapacidade ao destinar máis de 172 M€ nos orzamentos de 2024

As novas contas permitirán blindar o concerto social, unha medida moi esperada polas entidades e polas familias

Teo (A Coruña), 3 de novembro de 2023

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, inaugurou hoxe o 21 Encontro de persoas auotoxestoras de Fademga Plena Inclusión Galicia e puxo en valor o traballo que realiza esta federación e as entidades que forman parte dela para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias.

A directora xeral reafirmou o compromiso da Xunta de seguir colaborando co tecido asociativo para facer da nosa comunidade un lugar máis inclusivo e seguir mellorando os coidados neste ámbito. Así, destacou que os orzamentos de 2024 volven incrementar o apoio á atención á discapacidade con máis 172 millóns de euros. Esta cifra récord permitirá, entre outras actuacións, blindar o concerto social, unha medida moi esperada polas entidades e polas familias.

Begoña Abeijón sinalou que nos avances acadados nos últimos anos no ámbito da discapacidade tiveron un papel fundamental as familias e as entidades do sector. Ademais, apuntou que o goberno da Xunta ten como prioridade a atención a estas persoas en cada etapa vital das súas vidas, a través dunha rede de atención temperá que achega cada vez máis recunchos de Galicia; cun dos sistemas educativos máis inclusivos de España ou con recursos para acceder ao mundo laboral, como son os centros especiais de emprego, as prazas reservadas de emprego público ou os centros ocupacionais.

Máis prazas en centros de día e residencias

Tamén destacou as medidas postas en marcha para erradicar as barreiras físicas, cognitivas e comunicativas; e un sistema de atención e coidados con máis prazas públicas de atención diúrna e residencial.

Este encontro de Fademga serviu para o intercambio de experiencias e para poñer sobre a mesa a opinión que teñen as persoas con discapacidade intelectual en aspectos que son importantes para o seu pleno desenvolvemento persoal e social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/11/2023