A Xunta presenta a ferramenta tecnolóxica EMI das oficinas de emprego que sincroniza oferta e demanda en tempo real grazas á intelixencia artificial

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou en Pontevedra na presentación deste software que tamén emprega a analítica avanzada e que se está a probar -ademais- nas oficinas de emprego de Cambados e Ordes

Sinalou que dota ao Servizo Público de Emprego de Galicia dos recursos necesarios para que as persoas que recorren a el poidan avanzar e consolidar a súa traxectoria profesional, ao tempo que as empresas conseguen localizar o mellor talento

Puxo de relevo que o Goberno galego investirá preto de 10 millóns de euros en 2024 para avanzar na modernización e eficacia do Servizo, co obxectivo de acadar un mercado laboral de calidade
 

Pontevedra, 3 de novembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá en Pontevedra no acto de presentación de EMi, a nova ferramenta tecnolóxica que se está a implantar nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia. Alí, puxo de relevo que este software -que tamén se está a probar nas oficinas de emprego de Cambados e Ordes- permite sincronizar oferta e demanda en tempo real grazas á intelixencia artificial e á analítica avanzada, dotando ao Servizo dos recursos necesarios para que as empresas poidan localizar o mellor talento ao tempo que persoas que recorren a el conseguen avanzar e consolidar a súa traxectoria profesional.

Así, a través desta nova ferramenta trátase de identificar as necesidades do mercado de traballo en tempo real e de adaptar a formación e os itinerarios formativos a ditas necesidades, axustando de xeito áxil e de maneira máis efectiva os perfís coas candidaturas. En concreto, emprégase a business intelligence, o big data e a intelixencia artificial para optimizar os procesos de formación e colocación co gallo de xerar máis e mellor emprego en Galicia.

Entre outras funcionalidades, o sistema conta cun navegador competencial, cun emulador de ocupacións e cun recomendador de formacións, co propósito final de brindar aos usuarios unha atención áxil, personalizada e efectiva cun perfilado e titorización individualizados, con base nas necesidades reais das empresas.

A conselleira destacou que a modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia seguirá a ser unha prioridade para a Xunta, con 8,5 millóns de euros de investimento en 2024. Deles, 1,3 millóns destinaranse a consolidar a ferramenta EMi, avanzando na intelixencia artificial e na aprendizaxe automática para a xestión das políticas activas de emprego.

Así mesmo, continuarase coa renovación das oficinas de emprego, con investimento en equipamento, obras e novas infraestruturas por un importe de 1,7 millóns de euros. Nesa liña, cabe mencionar as novas oficinas de emprego que haberá en Cangas, Ponteareas e Vigo-Calvario. Cómpre destacar tamén os 5,5 millóns dirixidos ao reforzo do servizo de orientación laboral e prospección empresarial, ao que se veñen de incorporar 136 orientadores laborais e prospectores empresariais.

A maiores, cabe engadir que se continuará tamén co programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, para axudar e apoiar de xeito máis personalizado a aquelas persoas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia que presentan dificultades para atopar un traballo, co obxectivo de integralas o antes posible no mercado. Así, búscase outorgar ás persoas demandantes información completa e explicarlles de xeito individual os recursos que lles ofrece o Servizo público coa finalidade última da mellorar a súa empregabilidade, como o establecemento ou modificación do seu plan de traballo personalizado ou itinerario de inserción. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/11/2023