A Xunta e a Universidade da Coruña colaborarán no fomento do espírito emprendedor no ámbito académico grazas a un novo convenio dotado con 20.000 euros

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron hoxe un convenio para formar o alumnado e promover iniciativas empresariais
 

A Xunta destinará ata 360.000 euros á colaboración coas universidades públicas galegas para o fomento da cultura emprendedora entre a mocidade
 

Promoción do Emprego e Igualdade elevará este ano a unha decena os convenios coas universidades para traballar, ademais de no impulso ao emprendemento, no fomento da igualdade e na formación en materia de responsabilidade social empresarial
 

Santiago de Compostela, 2 de novembro 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron hoxe un convenio de colaboración por valor de 20.000 euros en materia de promoción do emprendemento, para o desenvolvemento do espírito empresarial e o fomento da innovación entre a comunidade universitaria.

O departamento autonómico está a destinar este ano 60.000 euros (20.000 por cada universidade pública galega) a promover actividades de impulso ás iniciativas empresariais desde idades temperás. A idea é ampliar esta colaboración proximamente ata acadar os 360.000 euros nun eido, o do emprendemento, que está a ser prioritario para a Xunta este ano e que seguirá no centro da axenda política en 2024.  

A colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a reforzarse este ano coas tres universidades públicas mediante a formalización dunha decena de convenios que permitirán seguir a traballar, ademais de no impulso ao emprendemento, no fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero e na formación en materia de responsabilidade social empresarial (RSE).

En materia de promoción da Igualdade a Xunta está a desenvolver, xunto cos entes académicos, o estudo novidoso e exhaustivo sobre conciliación e corresponsabilidade entre as familias galegas. Estanse a desenvolver, tamén coas universidades, accións do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que inciden na sensibilización a través de xornadas, premios, charlas, etc.  

En materia de Responsabilidade Social Corporativa, promóvense cursos de formación nas novas obrigas de información empresarial sobre sustentabilidade e responsabilidade social empresarial.

A colaboración entre a Xunta e as universidades garante que as políticas teñan o respaldo de investigacións rigorosas, cheguen á mocidade e garantan unha mellor toma de decisións.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/11/2023