A Xunta pon en valor a aposta da firma Gama e Hijos, beneficiaria do programa autonómico Responsabilízate na xestión da calidade e a seguridade do seu persoal

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, visitou hoxe en Pontecesures esta firma dedicada á produción e montaxe de estruturas metálicas e caldeiraría
 

Gama e Hijos foi beneficiaria da 3º edición de Responsabilízate
 

Está aberto o prazo para que 200 pemes ou autónomos participen na 4º convocatoria deste programa gratuíto que axuda a implantar medidas medioambientais, sociais e de gobernanza ás firmas participantes
 

Pontecesures (Pontevedra), 2 de novembro 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, visitou hoxe ás dependencias de Gama e Hijos, unha firma de deseño, produción e montaxe de estruturas metálicas e caldeiraría que participou na 3ª edición do programa autonómico Responsabilízate, e da que a representante autonómica destacou a súa aposta pola xestión da calidade e a promoción da seguridade e saúde do seu persoal.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén aberto o prazo para que 200 pequenas e medianas empresas participen nunha nova edición (a cuarta) do programa Responsabilízate co que quere reforzar a preparación destes negocios para facer fronte ás transformacións inmediatas. 

O Goberno galego impulsa a través desta iniciativa empresas máis competitivas e innovadoras, con capacidade de responder e adaptarse aos retos globais en materia social, ambiental e de bo goberno.

As empresas responsables posiciónanse mellor ante clientes empresa e consumidores finais, captan e reteñen mellor talento e acceden con maior facilidade a fontes de financiación, tal e como resaltou Mancha na súa visita. Gama e Hijos, dixo, é un bo exemplo, polo enorme valor do seu servizo postventa e por dispor de persoal técnico altamente cualificado e polivalente.

Gama e Hijos é unha empresa familiar de Pontecesures fundada en 1988 e dedicada ao deseño, produción e montaxe de estruturas metálicas e caldeiraría; así́ como tamén á reparación e mantemento de instalacións mecánicas industriais. Cunha grande experiencia no sector do metal, utiliza un sistema integrado de xestión para levar a cabo a xestión da calidade e da seguridade e saúde dos seus traballadores. Os seus principais clientes son galegos, aínda que algúns deles contan con fábricas no estranxeiro (Estados Unidos, Marrocos ou Eslovaquia) onde se desprazan os traballadores de Gama. A facturación aproximada da firma é de 6 millóns de euros e dá emprego a 90 persoas.

Gama e Hijos recibiu en 2020 axudas da Consellería de Promoción do Emprego para a implantación do plan de igualdade. Ademais foi unha das empresas participantes na 3º edición do programa Responsabilízate que promove a Xunta de Galicia. O prazo para a cuarta edición do programa está aberto ata cubrir as 200 prazas dispoñibles a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia.

Poden beneficiarse pemes e autónomos que teñan o seu domicilio social ou conten con centro de traballo en Galicia. Deben ter, polo menos, unha persoa contratada por conta allea, non superar os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou ter un balance anual inferior aos 43 millóns de euros.

O programa persegue a abordaxe integral dos aspectos ASG (aspectos medioambientais, sociais e de goberno corporativo) na empresa. As entidades beneficiarias reciben asesoramento experto, formación, o un plan de acción para implantar medidas.

 

Data de actualización: 02/11/2023