A Xunta participará no Fórum Gastronómic de Barcelona promocionando os produtos galegos con marca Galicia Calidade

No evento, que se celebrará na capital catalá do 6 ao 8 de novembro, participarán 25 expositores e 26 empresas e produtores de varios sectores agroalimentarios e do mar galegos, recoñecidos baixo a marca Galicia Calidade ou en proceso de certificación

Organizaranse programas gastronómicos e degustacións na Aula de Cata, dentro da área Experiencias de Calidade, co obxectivo de promocionar a nosa gastronomía baseada en produtos galegos

As 11 actividades que hai programadas consistirán en catas-degustación de produtos galegos con indicativo de calidade e varios showcookings nos que se farán preparacións culinarias usando estes produtos

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2023

Galicia estará presente no Fórum Gastronómic de Barcelona que se celebrará na capital catalá do 6 ao 8 de novembro. Alí, 25 expositores e 26 empresas e produtores de varios sectores agroalimentarios e do mar galegos, recoñecidos todos eles baixo a marca Galicia Calidade ou en proceso de certificación ou amparados por indicativos como a denominación de orixe ou a indicación xeográfica protexida. Poderán expoñer os seus produtos nun espazo habilitado pola Xunta de Galicia, grazas á colaboración da Consellería do Medio Rural -a través da Axencia da Calidade Alimentaria-, a Consellería do Mar e a Consellería de Economía, Industria e Innovación.

 

Ademais, organizaranse programas gastronómicos e degustacións na Aula de Cata, dentro da área Experiencias de Calidade, co obxectivo de promocionar a nosa gastronomía baseada en produtos galegos. Todas as actividades enmarcadas neste espazo, previstas para os tres días que dura o evento, están dirixidas por persoal dos consellos reguladores e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. En concreto, as 11 actividades que hai programadas consistirán en catas-degustación de produtos galegos con indicativo de calidade e varios showcookings nos que se farán preparacións culinarias usando estes produtos, dirixidas por profesionais do mundo da restauración.

 

Vantaxes das empresas expositoras

Un evento de tal relevancia como é o Fórum Gastronómic de Barcelona supón un gran escaparate no sector, converténdose nunha plataforma ideal para que os produtores galegos poidan ter acceso a novos mercados, de xeito que poidan chegar a un público global e establecer contactos con potenciais clientes e socios comerciais de diferentes partes do mundo. A presenza na feira permítelles amosar os seus produtos, realizar demostracións en vivo, entregar mostras e material promocional e xerar interacción directa cos visitantes.

 

Os expositores confirmados para esta acción conxunta representan unha ampla mostra de produtos da industria alimentaria galega, con alimentos do campo e do mar. Deste xeito, esta acción confirma o interese pola promoción dos nosos produtores e a sinerxía e complementariedade da nosa industria alimentaria. Haberá tamén unha selección doutros produtos que permitan complementar as oportunidades gastronómicas que ofrece a industria galega.

 

As empresas expositoras  do stand Galicia Calidade serán Quescrem, Tarta de la Abuela, Bico de Xeado, Méndez Rojo, Gran Bazán, A Coroa, Gargalo, Viña Costeira, Bodega Ribada, Pazo Valdomiño, Licores e Augardentes Augavella, Queixería Barral, Santo André, Quesería Daniberto, Capitán Alga, Terras da Mariña, La Central Heladera, Mariscos O Percebeiro, Mariscos Alumar, Frigoríficos Rosa de los Vientos, Conservas A Rosaleira, Coren, Artesa Rías Baixas, Conservas Cortizo, Granja Campomayor e Jamones González.

Data de actualización: 01/11/2023