Lorenzana solicita a Endesa que garanta a totalidade dos postos de traballo da empresa auxiliar en As Pontes no seu plan de pre-desmantelamento e desmantelamento da central

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, presidiu esta tarde unha nova reunión da Mesa para o impulso da actividade económica das Pontes, na que Endesa trasladou as súas previsións

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, presidiu esta tarde unha nova reunión da Mesa para o impulso da actividade económica das Pontes, logo da celebrada hai unha semana e na que se solicitara a Endesa a presentación do plan de pre-desmantelamento así como de desmantelamento da súa central térmica.

A empresa trasladou aos presentes a súa intención de deseñar estes cronogramas de execución de tarefas con especial atención aos traballadores das empresas auxiliares. Sen embargo, o programa presentado esta tarde polos representantes de Endesa non garante o mantemento do 100 % destes empregos, polo que a Mesa solicitou maior concreción e compromiso para a continuidade dos traballadores das auxiliares durante a fase de desmantelamento. 

No encontro participaron a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, así como representantes de Endesa, da CIG, UGT e CCOO, da Confederación de Empresarios, da Asociación de Empresarios Seara, da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios das Pontes, así como da Xunta.

A conselleira insistiu na importancia de contar cun cronograma que achegue certezas para todas as partes implicadas e permita acompasar as labores de pre-desmantelamento así como de desmantelamento da central térmica cos proxectos industriais e enerxéticos nos que se está traballando, logo do peche imposto polo Goberno central o pasado mes de agosto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2023