As contas de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 amosan o compromiso da Xunta co futuro das familias, dos sectores máis vulnerables e coa equidade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, presentou os orzamentos do departamento que crecen un 2,4% ata superar os 500 millóns de euros

A loita contra a violencia de xénero incrementa o seu importe un 15% ata chegar aos 23,5 millóns de euros

A Xunta incentivará a contratación de mulleres en sectores masculinizados e duplicará os apoios ás asociacións LGTBIQ+

Os apoios para altas de autónomos e inicio de actividade superarán os 29 millóns, entre os que se inclúe a cota cero durante 12 meses para novas altas

Mobilizaranse máis 117 millóns de euros ao novo Plan de formación para o emprego 2024 (12,9% máis que o ano pasado) para persoas ocupadas e desempregadas

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, compareceu hoxe ante a Comisión 3ª do Parlamento de Galicia para debullar os orzamentos 2024 do seu departamento. Segundo afirmou, as contas expansivas presentadas -elevan o presuposto nun 2,4% ata acadar os 501,6 millóns de euros- son as maiores da historia e referendan o compromiso do Goberno galego coas familias, cos sectores máis vulnerables e coa igualdade efectiva entre homes e mulleres. O obxectivo final, indicou, é o de acadar unha Galicia máis e mellor preparada para os retos que enfronte.

“Traemos para o ano 2024 uns orzamentos en auxe coa vontade de que Galicia desenvolva ao máximo o seu potencial e logre un crecemento socioeconómico sen precedentes”, aseverou a titular de Promoción do Emprego e Igualdade.

As actuacións dirixidas ao reforzo da prevención e loita contra a violencia de xénero contarán cun 15% máis de orzamento ata acadar os 23,5 millóns de euros. Case seis millóns destinaranse a axudas económicas para as vítimas desta lacra, coa finalidade de que poidan gañar independencia dos seus agresores e iniciar o camiño da súa recuperación.

Rivo destacou que no primeiro semestre de 2024, tras a prórroga artellada polo Goberno central e os inconvenientes burocráticos rexistrados, abriranse en Galicia os primeiros cinco centros de crise para atender vítimas de violencia sexual. Tamén incidiu no compromiso do Goberno galego pola diversidade, ao duplicarse o ano que vén as axudas ao movemento asociativo LGBTIQ+.

Entre as actuacións destacadas pola titular de Promoción do Emprego, figura o novo plan para fomentar a presenza feminina en profesións fortemente masculinizadas ao que o Goberno autonómico destinará máis de 2,2 millóns de euros. Trátase de formar e contratar mulleres para que se incorporen a sectores laborais destas características, explicou Rivo.

Continuarase a apostar pola conciliación e a corresponsabilidade na vida familiar, persoal e laboral, con medidas para o impulso da corresponsabilidade e conciliación e o fomento da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e para a loita contra a brecha salarial.

Emprego autónomo e emprendemento

Galicia enfrontará o futuro sociolaboral máis preparada grazas ao impulso ao emprendemento e á atención ao emprego autónomo. Os orzamentos, incidiu Rivo, “tamén nutren iniciativas para crear novo emprego, a consolidar o existente por conta allea e promover o crecemento sustentable das actividades vinculadas coa economía social”.

 

Entre as políticas que beneficiarán ao colectivo dos autónomos, incluirase a cota cero para todas as novas altas rexistradas neste réxime entre o 30 de setembro de 2023 ata o 30 de setembro de 2024 e durante doce meses. Esta medida, sumada ao reforzo do programa de Promoción do emprego autónomo xa existente, elevará ata case os 29 millóns de euros os apoios para que os traballadores por conta propia que inicien a súa actividade.

 

O emprendemento será unha das grandes apostas do exercicio, cun orzamento de 30,6 millóns de euros, un 51,6% máis que en 2023. Entre as actuacións anunciadas por Elena Rivo, incluirase unha nova liña de axudas para fomentar a remuda xeracional a través dunha bolsa de substitución de negocios. En 2024 consolidarase ademais a Rede de polos coa que a Xunta está a acompañar no inicio e en todas as etapas do seu emprendemento a centos de galegos .

 

Formación

A área de Formación para o Emprego e Orientación contará con máis de 232 millóns de euros no novo exercicio. A Xunta seguirá a desenvolver o Programa Retorna Cualifica Emprego, que se complementará con proxectos piloto de arraigamento para dará formación a inmigrantes para regularizar a súa situación e exercer un traballo en Galicia.

 

A comunidade ofrecerá, por outra banda, en 2024 formacións de curta duración e flexibles dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas. Tamén continuará coa modernización do servizo de emprego (8,5 M€ en total) que incluirá a renovación de oficinas, o reforzo do servizo de orientación das mesmas e a implantación do sistema EMi de intelixencia artificial que mellorará a casación entre as ofertas e as demandas de emprego.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará máis de 117 millóns de euros ao novo Plan Galego de formación para o emprego 2024 (12,9% máis que o ano pasado), que incluirá, entre outras medidas, formación para persoas ocupadas e desempregadas, e dúas iniciativas novidosas relacionadas coas novas tecnoloxías: a creación dun centro de formación especializado na Cidade das TIC da Coruña e o impulso da Rede de centros asociados de formación para o emprego.

“Estas contas están proxectadas para lograr unha Galicia xusta, equitativa e solidaria, onde as diferenzas entre mulleres e homes non impliquen desigualdades, senón oportunidades de seguir prosperando nun futuro mellor para a nosa mocidade”, remarcou a titular de Promoción do Emprego e Igualdade durante a comparecencia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2023