A Xunta activa para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro e por vento

O fenómeno adverso por temporal costeiro afectará a toda a costa desde primeiras horas da tarde de mañá por mar combinada con ondas de ata seis metros e ventos de forza oito

O vento en terra poderá acadar os 100 quilómetros por hora en toda a provincia da Coruña; na Mariña lucense, centro e montaña de Lugo; na montaña de Ourense; e no interior de Pontevedra

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2023

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar alerta laranxa para mañá por temporal costeiro en todo o litoral galego e por vento en terra con refachos moi fortes.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico por temporal costeiro afectará a toda a costa deste primeira hora da tarde de mañá debido a mar combinada de oeste a noroeste con ondas de ata seis metros e ventos con forza oito.

Canto o episodio adverso por vento, a alerta laranxa acadará rachas máximas de ata 100 quilómetros por hora a toda a provincia da Coruña; na Mariña lucense, centro e montaña de Lugo; na montaña de Ourense; e no interior de Pontevedra. No resto da comunidade o aviso será de nivel amarelo por rachas de ata 90 quilómetros por hora. Ademais, estará activa a alerta amarela en practicamente toda a comunidade por precipitacións acumuladas de máis de 40 milímetros en 12 horas.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. No caso de concellos con plans de emerxencias municipais (PEMU), recomendase a súa activación en fase de preemerxencia.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Dado que a fenómeno adverso se prevé que sexa especialmente intenso a medida que avance a tarde de mañá, en caso de ter que viaxar, aconséllase non facelo a partir de primeiras horas da tarde e, en todo caso, reducir os desprazamentos por estrada. Se é necesario viaxar, é preciso extremar as precaucións debido a posibles obstáculos na vía, bolsas de auga e zonas asolagadas.  

Entre as indicacións que debe seguir a poboación tamén se inclúe pechar e asegurar portas, xanelas ou toldos para evitar danos nas propiedades e posibles lesións, retirando macetas e todos aqueles obxectos que poidan caer á rúa e provocar un accidente; así como afastarse de cornixas, muros ou árbores que poidan desprenderse e tomar precaucións ao pasar preto de edificacións en construción ou en mal estado.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2023