A Xunta leva un ano máis a economía social galega ao salón ‘Xantar’ de Ourense para dar a coñecer os seus beneficios e produtos

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade contará cun posto en Expourense entre o 2 e o 5 de novembro no que porá en valor o compromiso social destas empresas e a súa capacidade de xerar oportunidades de inclusión laboral

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2023

A economía social de Galicia estará representada un ano máis no Salón internacional de turismo gastronómico Xantar, que se celebra en Expourense desde mañá, xoves 2 de novembro, ata o domingo 5, nun posto no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dará a coñecer produtos de diferentes firmas e informará sobre o emprendemento a través desta fórmula, que supón o 7% do Produto Interior Bruto (PIB) da Comunidade. 

A iniciativa persegue dar a coñecer e promover a comercialización dos bens e servizos das empresas galegas de economía social. No expositor estarán presentes seis entidades - Cooperativa Agraria Provincial (Bico de Xeado), Cooperativa de Productores do Campo Capela, Bodega Cooperativa Jesús Nazareno, Tres Fuciños, Erica Mel e Viña Costeira- que permitirán degustar xeados, queixos, viños, produtos cárnicos de porco celta e mel.

As persoas interesadas poderán achegarse ao mostrador da economía social e obter  información sobre a posibilidade de fomentar a integración laboral a través destas empresas comprometidas socialmente e sobre como crear oportunidades nas empresas de inclusión. Neste punto tamén se divulgarán as características das diferentes fórmulas como o cooperativismo e os requisitos e axudas para a súa constitución e desenvolvemento, entre outros aspectos.

Xantar ofrecerá catro días de actividade con experiencias diversas, como conferencias, catas ou showcookings. As persoas interesadas poderán achegarse ao recinto de Expourense desde mañá ata o domingo 5 de novembro, en horario de 11,30 h. a 1,00 h., agás o domingo, que pechará ás 18,00 horas.

Data de actualización: 01/10/2023