O Consorcio Casco Vello de Vigo entrega as chaves de tres novas vivendas de promoción autonómica na rúa Real

A delegada territorial da Xunta e presidenta do organismo autónomo, Ana Ortiz, celebra a chegada de novas familias ao barrio histórico vigués

Tras a aprobación do Plan de Investimentos, o Consorcio Casco Vello reactiva a construción de 22 novas vivendas en seis rehabilitacións

Vigo, 31 de outubro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, firmou a venda de tres novas vivendas de promoción autonómica a outras tantas familias que resultaron adxudicatarias tras finalizar as obras de rehabilitación do edificio situado no número 13 da rúa Real.

 

A representante autonómica procedeu así á entrega das chaves aos adxudicatarios das vivendas da promoción de Real 13 que permitiu recuperar un dos maiores edificios construídos no barrio histórico vigués. O inmoble, levantado sobre un solar de 116 metros cadrados, conta cunha fronte de fachada cara á rúa de 10,24 metros. Foi adquirido polo CCVV en decembro de 2019 e a súa reforma supuxo un investimento de 605.150,50€.

 

“O labor do Consorcio Casco Vello continúa adiante para recuperar o barrio e poñer a disposición dos vigueses novas vivendas de promoción autonómica”, sinalou Ana Ortiz. A delegada destacou que o proxecto, que inclúe ademais a creación dun local comercial na planta baixa, foi elaborado por Rodríguez e Rivoira Arquitectos e recolle como un dos seus elementos distintivos a conservación na fachada de pedra das grandes ventás que caracterizan ao edificio.

 

Trátase dunha das principais rehabilitacións na zona baixa do Casco Vello de Vigo realizada nos últimos anos, cunha situación excelente ao estar moi próxima a puntos de interese como a praza do Berbés, a Concatedral, A Laxe ou a praza da Constitución. Cada unha das novas residencias ten unha superficie aproximada de 63 metros cadrados e conta cun dormitorio, un baño, comedor-cociña e zona de servizos. Na mesma rúa sitúase tamén a sede dos Rexistros Mercantís de Vigo, construídos sobre unha serie de edificios adquiridos no seu momento polo organismo público.

 

Seis promocións con 22 vivendas

O Consorcio Casco Vello, cuxo principal obxectivo é a rehabilitación do barrio histórico de Vigo, contará cunha partida total de 1.780.065 euros tras o desbloqueo a pasada semana do Plan de Actuación, Investimentos e Financiamento (PAIF) do próximo exercicio 2024. Desta cantidade máis do 87 % teñen a consideración de investimento directo xa que se destinan á execución das obras de rehabilitación das vivendas propiedade do CCVV, correspondendo o resto a gastos operativos.

 

Ademais, a cifra de investimento pode incrementarse en 1,3 millóns de euros no caso de que se aprobase a aplicación de fondos de remanentes. O PAIF 2024 contempla, en concreto, investimentos na rehabilitación de seis edificios (Elduayen, 31; Ribeira do Berbés, 39; Subida ao Castelo, 9; Elduayen, 39-Ferrería 16; Hortas, 2-4 -San Sebastián, 20 e Rúa Alta, 8-14) o que permitirá crear un total de 22 novas vivendas na zona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2023