O delegado territorial da Xunta en Ourense supervisou esta mañá dúas actuacións no centro educativo

A Xunta inviste preto de 70.000 euros en obras de acondicionamento do CPI Laureano Prieto da Gudiña

O delegado territorial explicou que estas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia”

Gabriel Alén explicou que no arranxo do peche do recinto escolar a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades investiu case que 50.000 euros

Na construción dunha rampla de acceso á pista polideportiva a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a investir preto de 18.000 euros

Ourense, 31 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao CPI Laureano Prieto da Gudiña para visitar o remate das obras de arranxo do peche do recinto escolar nas que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades investiu case que 50.000 euros.

O delegado territorial salientou que todas estas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte...”, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

O obxectivo final, subliñou Gabriel Alén, é que Galicia “sexa pioneira nun novo modelo de escolas para o século XXI”, a través dun plan que dea valor engadido aos centros educativos, os espazos nos que os futuros cidadáns pasan “as etapas máis determinantes das súas vidas”. Para iso, subliñou, “é imprescindible poñer a arquitectura a disposición das necesidades do sistema educativo”.

As obras consistiron na colocación postes de aceiro galvanizado de sección redonda que serven de soporte a unha malla metálica de simple torsión fixada con arames e tensores. A continuación, realizouse tamén un novo muro de peche da pista polideportiva, en reposición do peche de malla en mal estado tras a portería, formado por zócalo de formigón de 1 m de altura e malla electrosoldada de 2 mts, substituído tamén os postes de ancoraxe.

Construción dunha rampla de acceso á pista polideportiva

O delegado territorial aproveitou a súa estadía no centro educativo para supervisar outra actuación que se esta levando a cabo, a construción dunha rampla de acceso á pista polideportiva, na que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a investir preto de 18.000 euros.

Gabriel Alén explicou que neste caso trátase de salvar un desnivel de 1,2 mts para ter acceso de maquinaria e facer mantemento da pista polideportiva. A actuación consiste en eliminar o primeiro desnivel baixando así a cota diferencial no comezo de rampla existente.

Para ilo, é necesario demoler o muro de bloque, picar a beirarrúa e de parte da rampla existente de formigón. Haberá que realizar a escavación necesaria para chegar á cota desexada e realizar un novo muro de formigón armado para contención do terreo e unha soleira de formigón.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2023