A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse con representantes das Asociacións Provinciais de Empresarios de Hostalería

A Xunta ultima, da man do sector da hostalería, a primeira guía para a integración das terrazas na contorna e nos espazos públicos

Ángeles Vázquez explica que na guía se analizarán as terrazas tanto en función da súa configuración e dos elementos que as compoñen como da súa localización

Enmárcase na Colección Paisaxe Galega, que conta xa con 15 volumes, dispoñibles tamén en formato dixital, e con varias guías en elaboración

Lugo, 31 de outubro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), está a ultimar a primeira guía para integrar as terrazas nos espazos públicos a través do establecemento de criterios de deseño adecuados para evitar o deterioro da imaxe urbana.

 

Deste xeito, o Goberno galego está a elaborar unha guía que inclúa solucións prácticas e recomendacións que permitan que os equipamentos das terrazas e a súa disposición nos espazos públicos teñan unha boa integración paisaxística ademais de minimizar as restricións de paso para o resto da cidadanía.

 

Nesa liña, a vicepresidenta segunda mantivo hoxe unha reunión cos representantes das Asociacións Provinciais de Empresarios de Hostalería co obxectivo de recoller as súas achegas e suxestións para enriquecer o contido deste documento e favorecer a súa implementación posterior.

 

Máis polo miúdo, Ángeles Vázquez explicou que na guía se analizarán as terrazas tanto en función da súa configuración e dos elementos que as compoñen como da súa localización. Así, entre as cuestións que abordará inclúense aspectos como a disposición das terrazas, o seu mobiliario e os equipamentos de protección e separación.

 

Así, por exemplo, no caso das formas de ocupación do espazo por parte das terrazas o obxectivo é minimizar as restricións de paso para o resto da cidadanía, algo que tamén deberá tomarse en consideración no deseño das mesas e cadeiras, que, ademais, evitarán os logotipos, imaxes ou marcas comerciais. A maiores, tanto o mobiliario como os elementos de protección solar deberán ser lixeiros e funcionais para poder ser retirados cando non sexan utilizados.

 

A vicepresidenta segunda tamén fixo fincapé na importancia de ter en conta a contorna na que se localice a terraza. Neste senso, en casos nos que se instalan en contornas de especial valor, como centros históricos ou prazas e rúas con características específicas, os criterios de deseño deberán ser unitarios e concretos, de modo que as terrazas sexan un complemento á arquitectura e non un impacto que deteriore a imaxe do conxunto.

 

Tamén requirirán un tratamento específico as terrazas localizadas en parques, espazos naturais e praias para evitar que provoquen diminucións na calidade ambiental das súas contornas, así como as terrazas situadas nos barrios da periferia xa que, nalgúns casos, suplen a falta de espazos públicos de reunión.

 

Máis dunha ducia de publicacións desde 2012

As guías de boas prácticas e recomendacións son unha ferramenta prevista no regulamento da Lei de protección da paisaxe de Galicia para divulgar os valores paisaxísticos da Comunidade e que certo tipo de actuacións —edificacións de calquera natureza, peches, equipamentos de uso público, etc.— poidan lograr unha boa integración e un equilibrio coa contorna onde se sitúan.

 

Desde o ano 2012 e atendendo ás necesidades que van xurdindo, a Xunta traballa de forma continuada na elaboración deste tipo de guías técnicas. Dentro da Colección Paisaxe Galega xa se publicaron 15 volumes, dispoñibles tamén en formato dixital, e hai varias guías en elaboración. Ademais, en 2022 o IET presentou o Atlas da paisaxe dos camiños xacobeos, un libro conmemorativo do Xacobeo 21-22, e puxo en funcionamento o visor interactivo A paisaxe de Galicia desde a bicicleta. En total, o investimento ata o momento neste tipo de publicacións de carácter divulgativo supera os 790.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2023