A conselleira de Política Social e Xuventude participou na mesa redonda ‘Abordar los retos demográficos en las zonas rurales’, organizada polo Comité Europeo das Rexións

Fabiola García pon en valor a aposta do goberno galego pola creación de servizos no rural

Destacou a posta en marcha das casas niño e casas do maior en concellos pouco poboados do rural, a aprobación da primeira Lei de Impulso Demográfico e a aplicación da gratuidade en todas as escolas infantís da nosa Comunidade

Logroño (A Rioxa), 31 de outubro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou esta mañá na mesa redonda baixo o título Abordar los retos demográficos en las zonas rurales, organizada polo Comité Europeo das Rexións (CDR) na Rioxa. Durante a súa intervención, destacou as medidas impulsadas polo Goberno galego para a creación de servizos de atención no rural galego.

Neste sentido, Fabiola García puxo en valor a posta en marcha no ano 2016 das primeiras casas niño, un recurso de conciliación totalmente gratuíto para nenos de 0 a 3 anos e que nestes momentos xa chega a preto dun cento de concellos galegos. Unha atención que se completou no ano 2018 coa creación das primeiras casas do maior, desta volta para a atención diúrna de persoas maiores.

A conselleira lembrou que Galicia tamén se converteu en pioneira ao aprobar no ano 2021 a primeira Lei de Impulso Demográfico de España. Unha normativa que blinda todas as medidas destinadas a frear a perda de poboación e garantir a igualdade de oportunidades entre territorios, unha cuestión que afecta especialmente á nosa Comunidade pola marcada dispersión territorial.

Gratuidade das escolas infantís

Outra das cuestións contemplada nesta lei e que situaron á nosa Comunidade como unha referencia na conciliación e na aposta pola etapa 0 a 3 anos foi a aprobación da gratuidade de todas as escolas infantís, independentemente da súa titularidade. Unha medida que beneficia a 31.000 familias de toda a xeografía galega e que facilita a todos os pais e nais levar aos seus fillos a un destes centros sen pagar nada pola atención educativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2023