A Xunta incrementa en 20.000 euros a dotación do convenio con Farmamundi en actuacións de acción humanitaria e emerxencia

Esta addenda permitirá incrementar a contía de 50.000 euros do acordo actual entre o Goberno galego e a ONGD ata 70.000 euros

A Xunta leva investidos máis de 1M€ a través de dita entidade para dar resposta ás necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano coa provisión de bens e servizos prioritarios

O convenio permitiu no que vai de ano atender distintas poboacións de Turquía, Haití, a Franxa de Gaza, Perú e Marrocos
 

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2023

A Xunta asinou unha addenda do convenio de colaboración con Farmacéuticos Mundi (Farmamundi) para actuacións de acción humanitaria e de emerxencia neste 2023, que suporá un incremento en 20.000 euros á dotación inicial do acordo de 50.000 euros, polo que o investimento total neste exercicio acada os 70.000 euros.

A Xunta colabora desde 2009 con Farmamundi na atención ás necesidades máis urxentes  -provisión inmediata de bens e servizos esenciais como alimentos ou atención sociosanitaria-, nas poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, así como por crises de longa duración, en especial en países de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH). No marco desta colaboración, o Goberno galego leva investidos nos últimos anos máis de 1 millón de euros a través de distintos convenios asinados con dita entidade.

No que vai de ano, no marco do acordo asinado o pasado marzo financiáronse seis operativos de resposta, que supuxeron un investimento de 49.500 euros. En concreto, 14.000 euros en dúas actuacións na Franxa de Gaza, unha sociosanitaria para a poboación en situación de extrema vulnerabilidade e outra de axuda alimentaria de emerxencia á poboación desprazada afectada polo conflito; 10.000 euros para a poboación afectada polo terremoto en Pazarcik (Turquía) e 6.500 euros para os afectados polo sismo do pasado setembro no centro de Marrocos; outros 10.000 euros para combater o cólera nos departamentos de Artibonite e Central, en Haití; e 8.000 euros cos que facer fronte ao brote de dengue na selva central do Perú.

O convenio de colaboración permite dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e outros organismos do sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias.  

Esta colaboración entre a Xunta e Farmamundi enmárcase no V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026, que identifica como ámbito estratéxico de intervención a necesidade de paliar a reducir a vulnerabilidade respondendo ás crises humanitarias con eficacia e calidade. Tamén o Plan Anual 2023 da Cooperación Galega inclúe o compromiso de renovar cada ano esta colaboración.

Colaboración con SOGAPS

No marco destes plans incorpórase a colaboración coa Asociación de Solidariedade Galega co pobo Saharahuí (SOGAPS) que vén de ser ampliada en 10.000 euros ata os 110.000 euros, co obxectivo de contribuír á mellora das condicións de vida e de control sanitario da poboación refuxiada saharauí da Wilaya de Bojador, a través da prestación sanitaria, con especial atención á infancia, mulleres, embarazadas e persoas maiores.

Data de actualización: 01/11/2023