A Xunta inviste máis de 40.000 euros na mellora do mercado Municipal das Neves

Este apoio permitirá unificar a imaxe das peixerías do mercado, mellorar os accesos, investir en formación para os praceiros e reparar as fachadas

O total do investido área territorial de Pontevedra supera os 330.000 euros
 

As Neves, 31 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o mercado Municipal das Neves, onde a administración autonómica está a investir máis de 40.000 euros como parte das axudas para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e rehabilitación das prazas de Abastos.

Esta axuda fai parte dos máis de 336.000 euros que se investiron na área territorial de Pontevedra e que están a permitir mellorar o funcionamento e as infraestruturas de preto de 15 mercados de excelencia. 

Grazas a este aporte o mercado está a realizar varias actuacións que reverten directamente a favor da súa imaxe e produtividade. Entre elas, o Mercado das Neves conta agora coa imaxe das súas dez peixerías totalmente unificada, con rótulos e serigrafías semellantes. Ademais, o mercado mellorará a súa iluminación, substituirá a súa porta de acceso e ofrecerá formacións aos praceiros.

Cabe destacar que estas actuacións están a ser desenvolvidas cunha primeira entrega do orzamento de preto de 17.000 euros. Sendo que no ano 2024 se utilizará o importe restante para a reparación das fachadas, a mellora dos accesos ás peixerías e a mellora das escadas de acceso.

Reguera aproveitou a visita para destacar o importante papel que seguen tendo os mercados e prazas de abastos de toda Galicia e asegurou que “están a facer un gran esforzo por actualizar os seus servizos e resultar atractivos ás novas xeracións”, algo no que a Xunta espera “seguir colaborando”. Ademais, destacou a “gran calidade” dos produtos que se atopan nos mercados e que son na súa maioría “produtos de proximidade, frescos e da nosa terra”.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2023