A Xunta seguirá a avogar en 2024 pola igualdade de oportunidades no eido laboral e pola feminización de sectores con ampla presenza de homes

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou nunha xornada na Confederación de Empresarios da Coruña onde cifrou en máis de 5 M€ os apoios para que axentes sociais e empresariais impulsen en 2024 medidas de igualdade laboral

A Coruña, 31 de outubro de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou na apertura da IV edición da xornada A igualdade, un activo para a empresa organizada pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC). No acto, a representante autonómica lembrou que a perspectiva de xénero vencellada co ámbito laboral seguirá a constituír en 2024 un dos eixos principais da axenda de traballo da Xunta de Galicia.

Tal e como puxo en valor a directora xeral, a igualdade laboral é elemento imprescindible para acadar un óptimo desenvolvemento como sociedade. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade seguirá a avanzar en 2024 na consecución da igualdade de oportunidades no ámbito profesional de todas as galegas e galegos con liñas prioritarias de actuación como os apoios económicos a axentes sociais e empresariais (5,3 M€)  e, por outra banda, a empresas (1,4 M€) para que implanten plans de igualdade, medidas de conciliación ou poidan acceder a certificacións en responsabilidade social empresarial.

A Xunta de Galicia conta cun portal web (aigualdadelaboral.gal) e un campus virtual de formación en igualdade laboral, un espazo dixital de teleformación dirixido a informar, formar, sensibilizar e dotar de recursos á sociedade galega e ao tecido empresarial. O Goberno galego ten tamén a dispor dos interesados unha ferramenta de autodiagnose para permitir ás empresas avaliar de xeito periódico o seu nivel de desenvolvemento e impacto das actuacións realizadas en relación coa igualdade de xénero no traballo.

Tal e como lembrou Mancha, o Goberno galego está a actualizar a Lei de igualdade autonómica que se tramita no parlamento de Galicia e que  pivotará sobre o concepto de benestar laboral, prestando atención a cuestións como a perspectiva de xénero no teletraballo e outras demandas tradicionais, como a calidade no emprego feminino.

Na mesma liña, a directora xeral aludiu ao novo plan para fomentar a presenza feminina en profesións masculinizadas e que estará activo en 2024 cun investimento de 2,2 millóns de euros. Trátase de formar e contratar unhas 300 mulleres para que se incorporen a sectores laborais destas características.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2023