A Xunta conclúe a actuación no xacemento de Proendos coa consolidación do primeiro hórreo romano de muros paralelos do noroeste peninsular

O delegado territorial, Javier Arias, explica que a actuación promovida en colaboración co Concello de Sober dálles continuidade aos traballos realizados en campañas anteriores, cun investimento autonómico superior aos 100.000 euros

Sober (Lugo), 30 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia acaba de rematar a actuación que impulsa xunto co concello de Sober no xacemento romano de Proendos coa consolidación do primeiro hórreo romano con disposición dos muros en paralelo que se coñece no noroeste da Península Ibérica.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou hoxe durante dunha visita que así se conclúe do traballo de campo feito neste espazo no que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades investiu 20.000 euros. Apuntou que este departamento da Xunta leva achegado máis de 100.000 euros aos traballos neste xacemento.

Nesta ocasión, os profesionais da empresa Tempos Arqueólogos SL centráronse na zona sur do hórreo romano, onde escavaron a superficie sacando á luz o tamaño completo da estrutura, así como un conxunto de lousas que poderían indicar o uso deste espazo en diferentes momentos posteriores ao século I d.C.

Ademais, no transcurso dos traballos tamén se localizaron ata nove muros de estruturas indeterminadas que continúan máis alá dos límites da escavación e que reflicten a singular riqueza arqueolóxica do conxunto de Proendos.

Os traballos, incluídos no Plan de intervencións arqueolóxicas que a Xunta de Galicia ten en marcha cun investimento de 850.000 euros para actuar en toda a Comunidade, consistiron principalmente na consolidación das estruturas para permitir a súa visita e divulgación entre a poboación local e visitantes.

Para iso, seguindo os criterios de conservación e preservación propios da xestión do patrimonio cultural e as técnicas tradicionais empregadas na época romana, actuouse sobre os muros e a área escavada para garantir un doado mantemento e interpretación das estruturas. Está previsto completar a actuación nos vindeiros días coa actualización do panel explicativo do conxunto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/10/2023