A Xunta concede preto de 10 M€ en axudas para accións silvícolas en case 4.600 hectáreas de coníferas e frondosas caducifolias dos montes galegos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal

Están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cunha achega do 75%, dos Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación dun 7,5% e da Xunta, cun 17,5%

Nos últimos sete anos, o Goberno galego destinou case 87 millóns de euros para accións silvícolas en máis de 45.000 hectáreas de terreos forestais
 

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios forestais, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, convocadas pola Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. O orzamento, que nun inicio era de case 9,5 millóns de euros, finalmente chegou a preto dos 10 millóns.

Os beneficiados son aquelas persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto da axuda, maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén asociacións de propietarios particulares ou cooperativas agrarias. Cómpre sinalar que as achegas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cunha aportación Feader do 75%, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación dun 7,5% e da Xunta, do 17,5%.

O orzamento é bianualizado, polo que así se asegura unha necesaria continuidade na actividade das empresas do sector forestal e do emprego que xeran favorecendo a dinamización do rural galego. Por iso, esta concesión de axudas públicas reforza o compromiso da Consellería do Medio Rural e do Goberno galego coas políticas de emprego activo no sector forestal.

Cómpre destacar que, entre os anos 2016 e 2022, a Xunta concedeu máis de 77 millóns de euros a uns 3.000 beneficiarios, que puideron realizar tratamentos silvícolas en 42.307 hectáreas de terreos forestais. A estas cifras hai que sumar esta convocatoria con case 10 millóns de euros para accións silvícolas en 4.577 hectáreas, polo que o financiamento para este tipo de axudas dende o ano 2016 ata este 2023 é de case 87 millóns de euros. Estes números amosan a aposta da Consellería do Medio Rural pola silvicultura activa, adaptativa e de proximidade.

Dúas liñas de axuda

Esta convocatoria conta con dúas liñas de axudas, unha dedicada aos tratamentos silvícolas como as rozas, desmestas, rareos e podas, co fin de crear descontinuidades no terreo, e outra para os tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vencelladas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo.

Cabe destacar que esta iniciativa está aliñada coa primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040: “Cara á neutralidade carbónica”, que se estrutura en distintos eixos estratéxicos de intervención para o deseño e execución da política forestal galega. Estas axudas enmárcanse neste plan, especialmente no fomento dunha nova arquitectura verde a prol da sustentabilidade, de prevención, de multifuncionalidade e da posta en valor dos montes, co fin de que constitúan a cerna dun sector forestal que se consolidade como unha actividade rural identificativa de Galicia.

Enlace á publicación do DOG:

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/10/2023