A Xunta culmina a apertura da canle artificial de desaugamento da lagoa da Frouxeira, en Valdoviño

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse por segunda xornada á zona para supervisar os traballos que executa a Dirección Xeral de Patrimonio Natural despois de que o forte temporal de onte impedise levalos a cabo

Valdoviño (A Coruña), 29 de outubro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Cristina Carrión e representantes municipais, supervisou esta mañá os traballos de apertura da canle de desaugamento da lagoa da Frouxeira, no municipio de Valdoviño. 

Tralas abundantes choivas acaídas nos últimos días que elevaron o nivel de auga da lagoa e despois de que onte as condicións do mar imposibilitaran a realización dos traballos, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural habilitaron finalmente esta mañá a apertura da canle artificial temporal que permite desaugar o lago da Frouxeira coa fin de evitar inundacións e os danos que estas causarían tanto nos ecosistemas como na seguridade pública.  

A lagoa da Frouxeira foi sometida no século anterior a diferentes cambios, xerados na maioría dos casos por presións antrópicas, o que provocou a modificación do funcionamento hidroecolóxico do sistema barreira litoral-lagoa. 

Actualmente, prodúcense ciclos nos que a canle de comunicación entre a lagoa e o mar permanece pechada e, cando se produce unha suba do nivel de auga, prodúcense inundacións na zona viaria e nas vivendas, seguido dunha rotura brusca da barreira litoral e o baleirado da lagoa que é o que se pretende evitar con esta apertura controlada. 

Esta actuación lévase a cabo seguindo o protocolo establecido no decreto 30/2015 polo que se aproba o Plan de conservación da Lagoa e Areal de Valdoviño, que converteu a este enclave no primeiro humidal protexido de Galicia que conta con esta figura de protección. 

A lagoa de Valdoviño, un dos humidais protexidos de Galicia, está formada pola lagoa litoral da Frouxeira e por un sistema dunar en moi bo estado de conservación. É un dos lugares de maior diversidade de Galicia, tanto pola presenza de hábitats naturais e seminaturais de especial relevancia, como polo importante número de especies da fauna e flora protexidas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/10/2023