O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Defensa do Monte visitaron o complexo situado nesta localidade ourensá

A Xunta destaca a evolución das obras do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén, cuxa primeira fase estará rematada no mes de decembro

O complexo, emprazado no antigo psiquiátrico da localidade, será unha referencia na formación de cara á extinción dos incendios forestais

José González remarcou o traballo realizado na reforma da antiga lavandaría -que será un edificio administrativo e formativo-, cunha “extraordinaria cuberta de madeira” posta en valor dentro dunha recuperación que aposta pola sostibilidade

Nas mesmas instalacións xa están operativas as pistas de adestramento para motobombas e vehículos todoterreo, así como para bombeiros
 

O Goberno autonómico destinará, a través dos orzamentos de 2024, máis de 8 millóns para a mellora de infraestruturas preventivas
 

Toén (Ourense), 29 de outubro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, vén de constatar o avance das obras do novo Centro Integral de Loita contra o Lume (CIIL), complexo situado no antigo psiquiátrico do concello ourensán de Toén. En concreto, comprobou o estado actual da reforma da antiga lavandaría, onde se situará o edificio administrativo e de formación que se prevé rematar para finais deste ano. A Xunta fai fincapé en que estas instalacións serán un referente para a formación, a cooperación e a investigación en materia de incendios forestais. 

Na antiga lavandaría estase a rehabilitar o edificio mantendo elementos estruturais orixinais. O conselleiro destacou a “extraordinaria cuberta de madeira” que se manterá na recuperación desta edificación. José González puxo en valor o traballo artesanal que alí se fixo con madeira de castiñeiro, de aí a importancia de conservalo. Ademais, puxo en valor a recuperación deste tipo de edificacións na aposta pola sostibilidade e, neste caso, tamén pola posibilidade de conservar o traballo levado a cabo por artesáns galegos da madeira. 

No complexo ao completo, a Consellería do Medio Rural leva investido máis de 3,5 millóns de euros para a súa construción. O obxectivo é convertelo nun centro administrativo e de formación de brigadas forestais. Neste senso, cabe incidir en que este Centro Integral busca constituír o eixe central do Plan de formación, centralizando así nun mesmo punto a instrución de todo o Servizo e converténdose nun lugar de intercambio de experiencias con outros dispositivos de prevención e extinción de incendios forestais, tanto nacionais como internacionais. 

Primeira fase do proxecto

Das tres fases en que se estrutura esta iniciativa, esta é a primeira, referida ás instalacións, e a que se prevé completar este ano. As outras dúas centraranse na execución dunha área agroforestal e horta solar e na xestión forestal sustentable.

 Neste centro tamén se instalará unha aula medioambiental para formar estudantes de toda Galicia e para concienciar á sociedade sobre o traballo dos profesionais contraincendios como defensores do monte e, por extensión, da seguridade das persoas e dos seus bens.

Cabe lembrar que estas instalacións contan con varios quilómetros de pistas de adestramento para motobombas e vehículos todoterreo nas que se alternan diferentes obstáculos para a mellora das técnicas do dispositivo de loita contraincendios e que xa se atopan en pleno funcionamento dende o pasado mes de marzo. Ademais, tamén dispoñen dunha pista para adestramento de bombeiros de case 1 quilómetro de lonxitude.

Investimentos na loita contra os lumes

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, destinará no 2024 máis de 8 millóns de euros para a mellora de infraestruturas preventivas, identificando as zonas prioritarias de actuación en aplicación do novo enfoque definido no Plan Preventivo. Por outra banda, neste mesmo ano tamén está previsto que rematen as obras da base de medios aéreos transfronteiriza de Verín-Oímbra, cun investimento de 4,3 millóns de euros.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/10/2023