A Xunta adxudicou xa o 80 % dos fondos do mecanismo de recuperación e resiliencia orzamentados para 2023

O Goberno galego está realizando unha xestión dilixente dos seus fondos pese á falta de cogobernanza do Executivo central

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2023

O Goberno galego leva adxudicado o 80 % dos 527 millóns de euros dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) previstos no orzamento inicial para 2023, é dicir, 417,6 M€, aos que hai que engadir 98 M€ de adxudicación de gasto a cargo de exercicios futuros.

 

Ata o terceiro trimestre deste ano, os recursos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia asignados polo Goberno central á Administración galega para o desenvolvemento de políticas públicas ascenden a 1.421 M€, o que supón menos recursos dos que lle corresponderían a Galicia por PIB per cápita.

 

A distribución por parte do Goberno central excesivamente centralizada, sen que se apliquen os principios de cogobernanza e subsidiariedade, retrasa a xestión dos fondos, xa que a realización das conferencias sectoriais está estancada desde o pasado mes de xuño. Con todo, a Xunta de Galicia continúa executando os seus fondos de forma dilixente e, así, a execución acumulada do MRR eleva a 1.020 M€ as convocatorias e licitacións publicadas, das que se adxudicaron o 69 % (703 M€).

 

No que se refire aos beneficiarios, ata o de agora, preto de 37.000 persoas físicas, 7.500 autónomos, arredor de 3.900 empresas e 200 entidades locais favorecéronse dos fondos de recuperación xestionados pola Administración galega.

 

Pola súa banda, en canto aos PERTE, do total das asignacións anunciadas polo Goberno central adxudicáronse ata o momento o 25 %. Deste importe, só un 4,4 %, corresponde a proxectos en territorio galego.

Data de actualización: 28/10/2023