A conselleira compareceu hoxe na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia

Fabiola García destaca o incremento nun 12 % do orzamento de Política Social e Xuventude para o ano 2024, acadando un novo récord histórico ao superar os 1.205 M€

Supón tres veces máis que o destinado a este ámbito no ano 2009

A área de maiores crece un 18 % para consolidar os avances dos últimos anos e dar pasos pioneiros cara a universalización dos coidados das persoas con dependencia a través do Bono Coidado no Fogar e o complemento ao Bono Residencia

Crearase o Carne +65, que ao igual que o Carné Xove para a mocidade, ofrecerá descontos e vantaxes ás persoas maiores

Ademais, porase en marcha un novo programa de viaxes con descontos para que as persoas maiores poidan vivir experiencias a nivel nacional e internacional

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, subliñou o aumento nun 12 % do orzamento da súa área para 2024, ata acadar un novo récord histórico ao situarse por riba dos 1.205 millóns de euros e triplicar os fondos que se destinaban a este ámbito no ano 2009. Fabiola García, que compareceu esta mañá na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento autonómico, apuntou que estas cifras son “un investimento, nunca un gasto, xa que nos permitirán crecer como sociedade e avanzar en dereitos”.

Na análise por departamentos, a conselleira destacou que o presuposto de 2024 contempla 540 millóns de euros para a atención a maiores e a mellora dos servizos sociais sociocomunitarios, o que representa un incremento do 18 % con respecto a este exercicio. Así, explicou que con estes fondos consolidaranse os avances dos últimos anos na atención a persoas con dependencia, cuxo número se quintuplicou ata superar na actualidade as 73.000; na creación de recursos de atención diúrna alí onde antes non existían, ou no impulso dun novo modelo de coidados que sitúa a Galicia á vangarda na atención residencial.

Ademais de asentar todas estas melloras, Fabiola García indicou que en 2024 se darán os primeiros pasos cara a universalización dos coidados das persoas en situación de dependencia, con axudas accesibles a todas elas sen importar o seu grao de dependencia ou renda. Con este obxectivo, asígnase unha partida económica de case 100 millóns de euros para poñer en marcha o Bono Coidado no Fogar, unha axuda pública universal de 5.000 euros ao ano que beneficiará a máis de 20.000 galegos que son coidados nas súas casas por un familiar, un veciño ou outra persoa da súa confianza.

Así mesmo, para aquelas que precisen de atención as 24 horas do día, créase un complemento, tamén universal, ao Bono Residencia. As persoas con esta prestación recibirán un apoio económico extra de 1.200 euros ao ano para o pago dun centro da súa preferencia. O novo documento contable da Consellería reserva 55 millóns de euros para este complemento, que chegará a 10.000 persoas en situación de dependencia

Coidados de proximidade

A titular de Política Social e Xuventude detallou que o presuposto tamén segue reforzando a atención de proximidade. A esta finalidade responde o aumento nun 15 % do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que se dota con 130 millóns de euros para seguir subindo o número de horas a disposición dos concellos e seguir cumprindo cos acordos asinados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Nesta liña de achegar os coidados a todos os galegos, vivan onde vivan, dedícanse 4,7 millóns de euros para continuar estendendo a rede de casas do maior para chegar a máis concellos do rural e garantir o funcionamento das 125 que están en marcha nestes momentos.

Ademais, faise unha provisión de 800.000 euros para o programa de Respiro Familiar, a través do que se financian estadías temporais en residencias ou a contratación dun coidador; e vólvense destinar 3 millóns de euros para ofrecer un apoio de 12.000 euros ao ano a todas as persoas diagnosticadas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) en Galicia. A nosa comunidade segue a ser a única de España que ofrece este tipo de achegas.

Desfrutar da xubilación e dunha vellez activa

Dentro da área de maiores, Fabiola García referiuse ao Carné +65, unha nova iniciativa que será realidade no 2024 e que está pensada para que as persoas maiores poidan desfrutar ao máximo da súa xubilación. Ao igual que o Carné Xove para a mocidade, permitirá ofrecer descontos e vantaxes á persoas maiores e enviarase ás casas de máis de 700.000 galegos.

Outras propostas dirixidas a que os galegos de máis idade aproveiten o máximo o seu tempo de lecer e leven unha vida activa son: o programa Benestar en Balnearios, que se volve reforzar o vindeiro ano e do que se beneficiarán ata final deste 2023 máis de 1.200 persoas, e un novo programa con descontos para viaxes nacionais e internacionais a persoas maiores de 65 anos.

Ao fío destas alternativas para os maiores, a responsable das políticas sociais do Executivo autonómico avanzou que nos vindeiros meses aprobarase a primeira Estratexia contra o Idadismo, un documento para derrubar todos os estereotipos que aínda recaen sobre esta etapa vital.

Concerto social para as entidades de discapacidade

No ano 2024 o orzamento da Xunta volverá incrementar o apoio á atención á discapacidade, destinando a esta materia 172 millóns de euros que supoñen un 4 % máis que no vixente exercicio. Este reforzo económico diríxese, fundamentalmente, ao concerto social, unha demanda histórica do sector que facilitará que as persoas con discapacidade non teñan que desprazarse longas distancias para acceder a unha praza pública e, ademais, ofrecerá estabilidade financeira ás entidades. A conselleira explicou que a través do concerto social elevarase nun 25 % o investimento nos contratos, subirase o importe do prezo por praza dos servizos e asumiranse as subidas salariais dos traballadores das entidades.

Tamén aumentará nun 50 % as axudas para o tecido asociativo con cargo ao 0,7 % do IRPF, que no presente ano ascenden a 9 millóns de euros só no sector da discapacidade, e resérvanse outros 7 millóns para seguir ampliando a Rede galega de atención temperá, que na actualidade conta xa con 46 unidades que atenden a 200 concellos. Así mesmo, reforzaranse os equipos de valoración da discapacidade coa creación dun novo por cada provincia para axilizar as solicitudes das familias e ofrecer atención no menor tempo posible. E con esta mesma finalidade, no ámbito da dependencia crearase un órgano de valoración por provincia.

Transición á vida laboral da xente nova

No ámbito da xuventude, Fabiola García manifestou que se seguirán fomentando programas que axuden á xente moza a iniciar o seu proxecto de vida e na transición á vida laboral. Para iso, as novas contas do Executivo autonómico manteñen a súa aposta por iniciativas como Xuventude Mentoring e Xuventude Mentoring na Empresa, destinando preto de 2 millóns de euros a estas dúas propostas que nas súas primeiras edicións axudaron a máis de 700 mozos a emprender as súas carreiras profesionais. Nesta liña, continuaranse ofrecendo axudas para sacar o carné de conducir. Estas axudas aumentan en 2024 nun 5 % ata os 800.000 euros.

A conselleira detallou que se seguirá mellorando a campaña de verán, que disporá de 4 millóns de euros para que Galicia se manteña como a comunidade autónoma con maior oferta de prazas de toda España. Ao fío disto, sinalou que a mocidade volverá dispoñer de alternativas de tempo libre durante todo o ano cos programas Primavera Xove, Outono Xove ou as propostas que se desenvolven nos 12 Espazos Xoves da Xunta.

O recoñecemento e a maior visibilidade do voluntariado é outro dos eixes desta área. Ao respecto, Fabiola García anunciou que se aprobará nos vindeiros meses a Estratexia de Acción Voluntaria e o novo Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia, para canalizar as novas necesidades neste ámbito ata o ano 2027.

Máis fondos para a gratuidade das escolas infantís

As partidas de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica soben un 5 % para sumar 242 millóns de euros. Fabiola García asegurou que Galicia continuará sendo a gran referencia na atención da etapa educativa de 0 a 3 anos e na conciliación familiar. En 2024 increméntase un 9 % o orzamento destinado a financiar a gratuidade en todas as escolas infantís, acadando os 60 millóns de euros.

Deste xeito, subirase a liña de axudas a concellos para financiar a gratuidade das escolas de 0 a 3 anos da súa titularidade, co fin de dar cobertura a esas preto de 1.000 novas prazas municipais creadas este ano gracias a unha orde específica da Xunta. Así mesmo, con este 9 % máis de fondos para a gratuidade tamén se atenderá ao aumento do número de escolas infantís privadas e de iniciativa social que se está a producir.

A titular de Política Social e Xuventude declarou que, neste ámbito, se acometerán novas ampliacións da rede de casas niño para levar servizos de conciliación a toda a xeografía galega. No presuposto de 2024 destínanse 3 millóns de euros para manter os recursos que xa están en funcionamento e impulsar outros novos. Ademais, vólvese apostar pola Tarxeta Benvida como apoio económico fundamental para as familias que teñan un fillo e para a que se reservan 31,4 millóns de euros; e atenderanse a todas as solicitudes do Bono Concilia Familia, que este ano duplicou o seu número ata superar as 13.200.

No ámbito da protección de menores, o orzamento de 2024 inclúe unha importante aposta polo acollemento familiar, incrementándose de novo os fondos ata os 6,5 millóns de euros; así como polos servizos de protección á infancia aos que se destina unha cifra histórica de 60 millóns de euros —un 17 % máis que este ano— para atender ás necesidades dun dos colectivos máis vulnerables da nosa sociedade.

As novas contas tamén contemplan a creación dos novos Puntos de Encontro Familiar (PEF) das comarcas da Mariña, Deza e Monterrei, que se sumarán aos xa existentes nas sete cidades galegas e no Barbanza.

Nova estratexia de inclusión social

O Goberno galego elevará o vindeiro ano o investimento na área de Inclusión Social un 3 % para chegar aos 153 millóns de euros. Ademais, nas vindeiras semanas aprobará a Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2023-2030 para actualizar os novos retos neste ámbito.

Fabiola García lembrou que o Executivo central aínda non cumpriu co seu compromiso de transferir á nosa comunidade o Ingreso Mínimo Vital (IMV), como xa fixo con outras. Ao respecto, explicou que esta situación xera unha gran inestabilidade para os beneficiarios destas prestacións, o que leva á Xunta a manter o orzamento da Renda de inclusión social de Galicia (Risga) nos 46 millóns de euros para atender a todas as persoas que a soliciten e non poidan transitar ao IMV.

As contas de 2024 manteñen 5 millóns de euros para as Axudas de Inclusión Social (AIS), que benefician a 3.000 persoas en situación de vulnerabilidade e outros 8 millóns para aboar o complemento autonómico ás pensións non contributivas a máis de 37.000 galegos. Así mesmo, o novo presuposto da Xunta reforza as axudas a entidades sociais tanto a través da orde específica como por medio da casilla social do IRPF nun 21 % ata os 20 millóns de euros. Tamén contemplan unha partida de 19 millóns de euros para o financiamento dos servizos sociais dos concellos.

Ampliación da rede autonómica de centros residenciais

Por último, a conselleira referiuse aos novos centros de servizos sociais que se porán en marcha en Galicia no vindeiro ano 2024, entre eles as primeiras residencias de maiores públicas que a Fundación Amancio Ortega está entregando á Xunta: a de Santiago de Compostela, inaugurada esta semana, e proximamente a de Lugo e Pontevedra. A estes centros sumarase a residencia pública de Ribeira, a primeira baseada integramente no novo modelo, a de Antas de Ulla e o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense.

Fabiola García tamén mencionou os primeiros centros de coidados intermedios públicos de España que se abrirán en Santiago e en Mos; e as novas residencias e centros de día de titularidade municipal financiadas co Plan de investimentos da Xunta de 18,5 millóns de euros.

Ademais de novos centros, o Goberno galego seguirá adaptando as residencias públicas autonómicas ao novo modelo de coidados, o que suporá realizar importantes obras de mellora cun investimento superior aos 12 millóns de euros nos centros Torrente Ballester (A Coruña), Caranza (Ferrol), As Gándaras e A Milagrosa (Lugo), Os Milagres (Barbadás), Campolongo (Pontevedra) ou no CRAPD de Vigo, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2023