Rivo avoga por unhas relacións laborais sólidas e estables para avanzar e acadar unha igualdade real entre mulleres e homes

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, clausurou hoxe en Santiago de Compostela o XXIII Congreso da Asociación Nacional de Laboralistas (Asnala) no que defendeu un mercado de traballo en igualdade, sen etiquetas

Apelou ao Diálogo Social e sinalou que a Lei de igualdade garantirá a equidade de oportunidades no ámbito laboral e regulará as novas formas de traballo desde unha perspectiva de xénero
 

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou hoxe a importancia de garantir unhas relacións laborais sólidas e estables para avanzar na consecución da igualdade entre mulleres e homes na clausura do XXIII Congreso da Asociación Nacional de Laboralistas (Asnala), que tivo lugar en Santiago de Compostela e reuniu a máis de 400 expertos en dereito do traballo e da Seguridade Social en España.

Rivo indicou que para dar seguridade e solidez ás relacións laborais é clave o Diálogo Social e a unión de todos os actores no eido laboral para seguir progresando. Tamén avogou por seguir creando espazos de diálogo e entendemento entre empresas e traballadores para continuar coa mellora do mercado laboral, que defendeu que ten que ser dinámico e inclusivo para acadar un emprego de calidade e, en definitiva, un crecemento económico sostible.

Así mesmo, apelou ao Diálogo Social para avanzar na equidade de oportunidades no eido laboral. Neste senso, lembrou que a nova Lei de igualdade, que se está a tramitar no Parlamento de Galicia, regulará novas formas de traballo desde unha perspectiva de xénero e, neste senso, destacou a importancia do traballo conxunto de todos os axentes socioeconómicos para acadar un mercado de traballo en igualdade sen etiquetas.

Para rematar, a conselleira puxo en valor o traballo dos laboralistas e lembrou que o apoio a empresas e traballadores contribúe a xerar riqueza e a crear unha sociedade cada vez mellor preparada para afrontar os retos e aproveitar as oportunidades que brindan os cambios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/10/2023