Portos de Galicia consensúa co sector portuario de Rianxo o proxecto de remodelación e ampliación das prazas de amarre para a frota profesional

O presidente do ente público mantivo unha reunión de traballo coa confraría de pescadores e os bateeiros na que se acordou dar trámite á proposta técnica que contempla prazas de amarre en pantalán para toda a frota actual

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2023

Portos de Galicia vén de consensuar co sector portuario de Rianxo o proxecto de remodelación e ampliación de prazas de amarre para a localidade. Nunha reunión de traballo do presidente do ente público, José Antonio Álvarez, cos representantes da confraría de pescadores, bateeiros e Concello, todas as partes acordaron dar trámite á proposta de Portos de Galicia que contempla prazas de amarre en pantalán para o total da frota que opera a día de hoxe na localidade.

O presidente de Portos remarcou que desde o ente público traballouse durante meses na avaliación de varias alternativas técnicas para ampliar as instalacións de amarres de Rianxo. Inicialmente, estas alternativas estiveron baseadas no cambio de localización das instalacións náutico-recreativas, que estaba a tramitar o club náutico. Con todo, ante o recente desistimento desta entidade en relación ao traslado, os servizos técnicos de Portos de Galicia remodelaron a proposta, adaptándoa á configuración actual do porto.

A proposta final contempla prazas de amarre para os preto de 300 usuarios actuais desta instalación recolocando as embarcacións nas prazas máis axeitadas para as súas características. A reubicación da frota permitirá a eliminación dos amarres ao peirao.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 29/10/2023