Altos cargos da Consellería do Medio Rural responderon diversas preguntas na Comisión 7ª do Parlamento

A Xunta prepara seis novos polígonos agroforestais en Galicia que se sumarán aos 26 xa iniciados e permitirán mobilizar outras 303 hectáreas de terreo

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural puxo en valor os grandes esforzos que está a dedicar a Consellería do Medio Rural para o desenvolvemento dos polígonos agroforestais, un instrumento da Lei de recuperación

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias demandou de novo unha modificación normativa a nivel nacional que defina un xeito de acreditar os custos de produción no sector leiteiro, con aplicacións como Contaláctea

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria explicou os pormenores do Plan de control da vendima, no que se realizaron un total de 5.631 actuacións para defender a calidade e o prestixio dos viños galegos

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2023

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, avanzou esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento que a Xunta está preparando seis polígonos agroforestais máis en Galicia, que se sumarán aos 26 xa iniciados e que abranguen máis de 9.100 hectáreas e benefician máis de 8.000 titulares. Esta media ducia de polígonos suporá, a maiores, a mobilización doutras 303 hectáreas, beneficiando un total de 457 propietarios, segundo explicou Santé.

Estes seis novos polígonos serían os de Sabadelle (Chantada), Loio (Paradela) e Xesto (O Saviñao), na provincia de Lugo; Carballedo (A Peroxa) e San Xoán de Río, na de Ourense; e Salvaterra de Miño, na de Pontevedra. Nesta liña, a directora xeral puxo en valor os grandes esforzos que está a dedicar a Consellería do Medio Rural para o desenvolvemento dos polígonos agroforestais, que son un instrumento de referencia da Lei de recuperación da terra agraria para unha mobilización dunha maior superficie de terreo.

O seu obxectivo é recuperar e poñer en produción terra que se atope en estado de abandono ou infrautilización, co fin de constituír áreas de explotación que garantan a súa rendibilidade, tal e como detallou Inés Santé en resposta a unha pregunta sobre esta cuestión.

Plan de control da vendima

Por outra banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, informou na Cámara sobre o Plan de control da vendima deste ano. Así, subliñou que, en total, leváronse a cabo 5.631 actuacións de control. Delas, a maioría (case 4.900) correspondeu a controis en parcelas. O resto de accións foron enquisas a viticultores (máis de 300), controis de aforo en adegas (preto de 200), controis de transportes de mosto (170 en total) e controis nos puntos de acopio (84).

Este Plan foi desenvolvido, segundo explicou Cabarcos, por un equipo de preto dun cento de persoas, sumando o persoal da Consellería e o dos consellos reguladores, e supuxo un investimento de preto de 200.000 euros. Como novidade este ano, ademais das cinco denominacións de orixe, engadíronse controis sobre viticultores no ámbito das indicacións xeográficas protexidas.

O director explicou ademais que o obxectivo principal desta iniciativa é evitar situacións fraudulentas que se poidan producir, desvirtuando o sistema xeral do control de calidade diferenciada dos viños galegos, asegurando e preservando a súa calidade e prestixio nos diferentes mercados. A maiores, indicou, trátase tamén de manter o valor da uva galega en orixe, coa conseguinte mellora da renda dos viticultores.

Sector lácteo

Pola súa banda, en resposta a unha pregunta sobre o sector lácteo, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reiterou que é precisa unha modificación normativa a nivel nacional que defina un xeito de acreditar os custos de produción, con aplicacións como Contaláctea ou calquera outra oficial que se defina. Isto, lembrou, xa foi trasladado pola Xunta ao Ministerio de Agricultura e mesmo o Parlamento galego aprobou unha moción no mesmo sentido, pero o Goberno central non atendeu estas demandas.

Nesta liña, Balseiros insistiu en que Contaláctea é un instrumento válido, fiable e rigoroso para o cálculo dos custos de produción e que polo tanto pode ser un instrumento útil nas negociacións dos contratos entre os gandeiros e os primeiros compradores. Ademais, puxo en valor que, para xeneralizar o uso desta aplicación, Medio Rural convocou axudas de asesoramento, cun orzamento total de 3,25 millóns de euros, que beneficiaron 19 entidades para introducir nesta ferramenta datos de ata 475 explotacións lácteas galegas.

Data de actualización: 27/10/2023