A Xunta destina case 950.000 € para axudas a investimentos en materia de bioseguridade para o transporte de gando vivo e viveiros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras destas axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias

Os beneficiarios poderán ser persoas físicas ou xurídicas, pero tamén entidades sen personalidade xurídica

O prazo de presentación rematará dentro dun mes, a partir do día seguinte da súa publicación no DOG

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras de concesión das axudas destinadas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora ou a construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo, así como para os acometidos en viveiros por determinados produtores de materiais vexetais de reprodución.

A Consellería de Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, destinará 946.755,7 euros a estas dúas liñas de actuación. No caso da mellora dos centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo ou a construción de novos para dita funcionalidade, a contía dispoñible é de 291.035,24 euros. Para investimentos en bioseguridade en viveiros, a cantidade ascende a 655.720,24 euros.

Destas achegas poderán beneficiarse persoas físicas ou xurídicas, pero tamén entidades sen personalidade xurídica. No caso das subvencións para centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo, serán aqueles titulares ou propietarios deles que estean autorizados e rexistrados polos órganos competentes, e se comprometan a melloralos ou a construír un novo centro de limpeza e desinfección.

Os beneficiarios das axudas para viveiros deberán ser operadores profesionais rexistrados como produtores no Rexistro de operadores profesionais vexetais e estar autorizados polo órgano competente para producir material vexetal de reprodución.

As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta. O prazo de presentación será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2023