Xunta e Concello de Ames reforzan a súa colaboración cun convenio para a permuta de inmobles

Santiago de Compostela, 27 de outubro

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o alcalde de Ames, José Blas García, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a permuta de diferentes inmobles situados no concello coruñés.

En virtude deste acordo, o Goberno galego porá a disposición do Concello de Ames tres inmobles de titularidade autonómica procedente das antigas cámaras agrarias locais: unha parcela de 8.947 metros cadrados, na zona de Canto -actualmente empregada como campo de fútbol-; un edificio no lugar de Augapesada; e un local comercial na rúa Alcalde Lorenzo.

Pola súa banda, o Concello de Ames comprométese a entregar á Xunta de Galicia dúas parcelas contiguas na zona de Bouzas, ambas de 997 metros cadrados, actualmente empregadas como punto de encontro das brigadas contra incendios. 

Este convenio pon de manifesto a vontade de cooperación e o interese de ambas administracións á hora de alcanzar acordos beneficiosos para o conxunto da cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2023