A Xunta pon en valor o papel do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade para reforzar os lazos no mundo lusófono

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta semana no IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, ao que tamén asistiron representantes de gobernos locais e rexionais de Galicia, Santo Tomé e Príncipe, Cabo Verde, Brasil, Guinea Bissau, Mozambique e Portugal

Santo Tomé e Príncipe, 28 de outubro de 2023

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta semana en Santo Tomé e Príncipe no  IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co apoio da Xunta. Baixo o lema Gobernanza local para o desenvolvemento sostible, este foro pretende ser un espazo de debate e reflexión sobre os desafíos que afrontan os municipios de países de lingua oficial portuguesa e galego no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), así como de identificación das posibilidades da cooperación municipio-municipio en torno á temática proposta.

Este IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía foi presidido polo presidente do Goberno Rexional do Príncipe, Filipe Nascimento, e nel participaron representantes de gobernos locais e rexionais de Cabo Verde, Brasil, Guinea Bissau, Mozambique, Portugal,  Galicia, e Santo Tomé e Príncipe. Na xornada inaugural do foro tamén participou o embaixador de España en Gabón e Santo Tomé e Príncipe, Ramón Molina LLadó.

Por parte de Galicia participaron, ademais do presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, representantes dos concellos da Laracha, Allariz, Burela e Gondomar.

Na súa intervención, Jesús Gamallo referiuse ao achegamento ao mundo da lusofonía como un dos obxectivos fundamentais da acción exterior de Galicia. Nesta liña, salientou o labor da comunidade “na incorporación de España como observador asociado na Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa, o que permite á Xunta estar presente nos grupos de traballo de especial relevancia para Galicia que se vaian creando, como os relacionados coa pesca, a cooperación ao desenvolvemento ou a difusión da lingua”, engadiu.

O director xeral sinalou que supón “un paso máis no reforzamento dos lazos entre a nosa rexión e o mundo lusófono, como a recente aprobación do decreto polo que se crea e se regula o Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade”. Este observatorio asesorará ao Goberno galego en todas as medidas neste eido e actuará como foro de diálogo permanente entre as administracións e as entidades públicas ou privadas interesadas en fortalecer os vínculos coa lusofonía.

O Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade pretende revalorizar o galego a nivel internacional e reforzar as relacións co mundo lusófono, que conecta a través da fala unha comunidade de máis de 270 millóns de persoas. Neste senso, cómpre seguir aproveitando esta “enorme vantaxe lingüística” para estreitar relacións a nivel cultural, económico ou educativo co mundo que fala portugués.

Por outra parte, segundo sinalou o director xeral, a lusofonía foi sempre un criterio de referencia na definición e o establecemento das prioridades xeográficas na política galega de cooperación. “A continuidade das alianzas de traballo cos países africanos de lingua oficial portuguesa constitúe un dos valores diferenciais da cooperación galega”, apuntou.

Así, o vixente V Plan director da cooperación galega recoñece o valor e a experiencia de traballo nestes países socios da acción exterior, incluíndo Cabo Verde, Guinea Bissau e Mozambique entre os once países prioritarios.

Espazo de debate e reflexión

O Foro da cooperación municipalista da lusofonía é un espazo de debate e reflexión sobre os desafíos que afrontan os municipios de lingua portuguesa e galega no cumprimento dos ODS, así como da valoración das posibilidades de cooperación.

 

Este foro, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, lévase celebrando dende o ano 2019 con apoio da Xunta, a través da sinatura dun convenio anual de colaboración, no marco das accións de fortalecemento da propia organización e accións de sensibilización e educación para o desenvolvemento no ámbito municipalista.

O convenio, asinado nos últimos anos cunha dotación de 60.000 euros, ten como finalidade promover unha maior implicación e responsabilidade das deputacións e concellos galegos na área de cooperación ao desenvolvemento e difusión da Axenda 2030, e continuar así impulsando a Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/10/2023